Galiza é a cuarta comunidade autónoma con maior falta de prazas en residencias
Segundo o informe publicado esta terza feira pola Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, á Galiza fáltanlle 13.404 prazas en residencia de maiores e xa é a cuarta comunidade, tras Andalucía (-35.857), País Valencià (-24.801) e Catalunya (-14.428), cun maior déficit.
Porén, a diferenza é maior se se ten en conta, con datos de 2024, que no caso de Andalucía e Catalunya, estas superan os 8 millóns de habitantes, o País Valenciá ten 5,3 millóns mentres que na Galiza a poboación é de 2,6 millóns.
Pola contra, hai comunidades con superávit de prazas en residencias de maiores. A que máis ten, concretamente, é Castela e León (+17.764), Castela-A Mancha (+7.072) e Aragón (+4.859).
No computo estatal, o número de prazas en residencias para persoas maiores descendeu até as 395.065 en 2024, é dicir, 3.510 menos que o ano anterior, sendo a primeira vez que se rexistra un descenso interanual na última década (desde 2014).
Financiamento das prazas
En relación ao financiamento das prazas residenciais existentes, o informe revela que no Estado español a media de financiamento público en 2023 alcanzou as 2,84 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos. Pola contra, no caso galego é inferior, chegando a 2,34 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos.
Estaría no posto sexto pola cola nunha listaxe que fechan Canarias, Murcia e País Valencià. Ademais, o estudo destaca que no Estado 7 de cada 10 prazas residenciais de maiores son de financiamento público (69,6% do total), un total de 275.094, fronte ás 119.971 exclusivamente privadas. Esta cifra inclúe prazas en centros públicos, concertadas en centros privados e prazas que se financian coa prestación vinculada ao servizo.
Peso do sector privado
Na Galiza hai 21.389 prazas en residencias para maiores, distribuídas en 325 centros. Unha cifra xa de por si escasa. A Galiza conta cunha taxa de 14,51 centros de maiores por cada 10.000 persoas de 80 anos ou máis, unha cifra case catro puntos máis baixa que a media estatal, segundo o primeiro Censo de Centros Residenciais de Servizos Sociais no Estado español, publicado polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030.
Alén da falta de prazas, o seu reparto en canto a titularidade e xestión mostra un enorme peso do privado no modelo de dependencia da Galiza. 75% dos centros son privados, fronte a 25% de titularidade pública. Respecto aos dirixidos a persoas con discapacidade, 80% son de titularidade privada fronte a 20% pública.
Deste total de 21.389 prazas, máis de 9.000 están en centros privados con ánimo de lucro (42% do total de prazas), mentres que 2.295 son de titularidade pública mais xestionadas por empresas con ánimo de lucro (11%). Hai máis de 7.600 prazas que son de titularidade privada e sen ánimo de lucro; mentres que hai 300 en titularidade pública e sen ánimo de lucro. Desas máis de 21.000, só 2.122 son de titularidade e xestión pública, 1 de cada 10.
No plano xeral, a análise da asociación alerta de que o "déficit" de prazas no Estado "segue aumentando". En concreto sinala que nos tres anos posteriores a 2020 medraron en 6.031 as prazas mentres que a poboación maior de 65 anos aumentou en máis de 600.000 persoas neses mesmos anos.


