"Non estamos dispostas a seguir vivindo na miseria": Persoal das residencias de maiores privadas mobilízase por un convenio laboral digno

As traballadoras iniciaron en Pontevedra un calendario de protestas que terá continuidade nas outras seis cidades principais da Galiza cada semana até final de ano.

Traballadoras das residencias privadas, esta terza feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
Traballadoras das residencias privadas, esta terza feira, en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

Persoal das residencias privadas de maiores inaugurou en Pontevedra esta terza feira unha calendario de mobilizacións en demanda dun convenio de traballo digno que terá continuidade noutras cidades da Galiza até ben avanzado o mes de decembro.

A CIG-Servizos convocou protestas nas sete cidades para reclamar a mellora nas condicións laborais ante o que consideran unha proposta "insuficiente" por parte da patronal. Urxen un convenio colectivo que dignifique as condicións de traballo dos distintos cadros de persoal.

Segundo denuncia a central sindical nacionalista, as empregadas do sector acumulan unha perda de poder adquisitivo de 7,8% desde a sinatura do anterior convenio (2020-23) por parte de CCOO e UXT. A isto hai que sumarlle o feito de que a suba do SMI aplicada polo Goberno do Estado neste período foi de 24,4%, "o que provocou que as categorías máis baixas do convenio non cheguen ao SMI e gran parte delas estean só 10 euros por arriba en 2024".

"Os salarios están a empobrecerse dunha maneira brutal, mentres os beneficios das sete principais empresas do sector ascenderon a 1.664 millóns de euros anuais", sinala a CIG, que ve insuficiente a proposta de convenio que a patronal vén de presentarlle ás traballadoras e traballadores, xa que lonxe de frear o empobrecemento dos soldos, aínda o agrava, di. "Empeora as condicións económicas do persoal de cara ao futuro e tampouco estabelece avances suficientes nas condicións sociais".

Neste contexto, a CIG-Servizos censura o "silencio cómplice" da Xunta da Galiza, "á que se lle enche a boca falando do modelo de coidados e residencias mentres perpetúa un sistema de explotación das persoas traballadoras baixo o xugo de transnacionais e fondos de investimento que só miran o seu beneficio económico e aos que nada lles importa nin as persoas traballadoras nin as usuarias".

Reunidas en asemblea esta segunda feira, 4 de novembro, as traballadoras das residencias privadas expresaron a súa negativa "rotunda" á oferta do empresariado e acordaron un calendario de protestas que tras esta primeira en Pontevedra terán lugar en Lugo (13 de novembro), Ferrol (20 de novembro), Santiago (27 de novembro), A Coruña (4 de decembro), Vigo (11 de decembro) e Ourense (18 de decembro).

Ante a residencia DomusVi de Pontevedra, o persoal mobilizado amosou o seu descontento coa proposta da patronal, á que reclamou melloras reais nas condicións laborais. "Non estamos dispostas a seguir recollendo migallas e vivindo na miseria. Queremos unhas condicións de traballo dignas acordes a un traballo que é esencial para a sociedade".

Comentarios