A campaña de vacinación fronte á Covid-19 abeira xa o 90% da poboación considerada diana e 2.202.695 persoas, segundo as autoridades sanitarias, xa dispoñen da pauta completa.
Na última xornada recibiron a segunda picada 1.994 persoas, polo que o 89,74% das galegas e os galegos aos que vai dirixido o proceso actual contarían cos fármacos para reducir o seu risco fronte ao contaxio do coronavirus.
Ademais, estes números facilitados este sábado pola Consellaría de Sanidade, implican que foran tratados o 81,58% dos habitantes da Galiza. Segundo o Cronómetro de vacinación, o persoal sanitario administrou 4.287.354 doses dos distintos fármacos do total de 4.352.189 chegadas ao país até o momento.
Por grupos de poboación, en función da súa vulnerabilidade, segundo a idade contan con pauta completa 1.998.348 persoas, así como 15.647 cidadáns de alto risco; 17.594 dependentes non institucionalizados; e 26.600 persoas que si residen en institucións.Así mesmo, no que alude á probabilidade de exposición, contan coa pauta completa 72.823 profesionais do ámbito sanitario e 27.245 do socio-sanitario; ademais de 44.070 traballadores esenciais.
En calquera caso, volve facerse chamamento para acudir ao sistema de autocita para poder vacinarse. Xunto coas galegas que están a recorrer a esta ferramenta, están sendo inoculados os fármacos a aquelas cidadás que entraron na recuperación da axenda por non poder ir nas súas correspondentes quendas de idade.
Ao tempo que continúa o proceso, a Xunta explicou que na actualidade xa leva emitidos un total de 1.907.909 Certificados Covid, dos que 1.836.990 foron certificados de vacinación, 43.405 de resultado de proba diagnóstica e outros 27.514 comprobantes de ter superado a enfermidade.