Polémica no concello de Oímbra -gobernado polo PP- pola celebración da XXI Feira do Pemento. Que estea tendo lugar este domingo no centro de saúde da localidade da comarca de Verín é un feito de por si noticiábel. Quen puxo a voz de alarma foi a CIG, quen lamenta que o Sergas permita utilizar o inmoble para acoller unha festa gastronómica.
O sindicato nacionalista critica que Sanidade xustifique que o centro de saúde feche as fins de semana para defender que as dependencias sanitarias se empreguen como lugar para a celebración da festa do pemento.
A CIG, que urxe a Consellaría a “abrir o centro de saúde nas fins de semana en vez de organizar festas nas súas dependencias”, advirte de que estudará encetar “as accións necesarias” contra o que considera unha brincadeira “de mal gusto”.
O Sergas, pola súa parte, ampara a celebración da degustación do pemento no ambulatorio e acusa a CIG de crear alarma na poboación. A instalación, segundo a xerencia sanitaria da zona, non se verá alterada. “Basta con ver as fotos desta festa en anos anteriores para constatar que a Xerencia falta á verdade”, responde a CIG, que lamenta que o Sergas a acuse de actuar con intereses partidistas e de querer xerar “alarma social”. “Non é a CIG a que leva aos centros de saúde políticos do PP a degustar pementos”, conclúe o sindicato nacionalista.