Unha denuncia dos servizos sociais da Fonsagrada serviu para que a Xunta da Galiza procedera ao feche das vivendas comunitarias Burón I e II situadas nese municipio. O Goberno galego constatou as malas condicións das persoas residentes que se atopaban nestas instalacións e procedeu ao seu traslado ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) para sometelas a un recoñecemento e a unha avaliación sanitaria, ademais das probas da COVID-19.
Na denuncia de asuntos sociais figuraba unha posíbel situación de malos tratos ás residentes do centro e de diversas irregularidades tanto nas condicións como na atención ás mesmos.
Ante a gravidade da situación alertada no documento, a inspección de servizos sociais da Xunta desprazouse ao centro para corroborar os feitos retratados na denuncia e tamén remitiu un aviso á Garda Civil.
Os efectivos desprazados constataron a situación na que se atopaban estas residentes, un total de 29 anciáns nun centro con 23 prazas e en condicións inadecuadas, que motivaron a urxencia das actuacións desde a Administración galega para ordenar o feche inmediato das instalacións.
A gravidade dos feitos levou á Xunta a trasladar o parte á Fiscalía ante a posibilidade de que o caso sexa constitutivo de "delito penal", segundo informou a Consellaría de Política Social.