A Confederación Hidrográfica Miño-Sil vén de abrir un expediente sancionador a Fenosa por incumprir as condicións que tiña autorizadas na poda e corta de vexetación para o mantemento dunha liña eléctrica que cruza un espazo protexido no río Tea.
A apertura de expediente xorde após a denuncia da asociación ecoloxista ADENCO, que se fai eco dos incumprimentos por parte da empresa. “Pasouse con maquinaria sobre o cauce do río, provocando o momento do leito e a erosión do noiro”, sinala o colectivo nun comunicado de imprensa, “non se retiraron os restos do traballo de poda e ademais cortáronse árbores como amieiros e salgueiros en dominio público hidráulico”.
Aliás, a asociación lembra que na zona de actuación vive unha poboación de mexillón de río Margaritiferamargaritifera, unha especie ameazada que subsiste en moi poucos ríos da Península Ibérica.
Este novo expediente sancionador únese aos que se teñen producido nas últimas semanas derivados principalmente das actuacións de “restauración” da senda do Tea no termo municipal de Ponteareas.