Após a fin de semana na que se celebrou a 44ª Festa do Queixo, a organización destaca unha “alta participación nas actividades programadas, especialmente o sábado, día que foi moito máis concorrido que as anteriores edicións”, o que se traduciu en “milleiros de persoas que visitaron Arzúa”.
“O éxito desta edición”, explican desde a organización do evento, “é froito do esforzo destes últimos anos que responde a un proxecto máis aló do gastronómico. É un proxecto que implica todas e todos e que pretende poñer en valor o noso rico patrimonio para avanzar cara a unha Festa do Queixo cada día máis forte e con máis repercusión en beneficio de todo o mundo”.
A pesar da choiva intermitente, os concertos do sábado e do domingo “cativaron as persoas asistentes e conectaron até coas máis novas e novos”.
Os obradoiros, degustacións e exposicións así coma o concurso de carteis cumpriron con nota o obxectivo da organización “até o punto de que algunhas queixarías víronse obrigadas a repoñer xénero o propio sábado”.
O punto forte destas exposicións foi un mapa da Galiza feito enteiramente de queixo, “un monumento homenaxe”.
Por isto, tanto queixeiras e queixeiros como o sector hostaleiro amosáronse “satisfeitos polas vendas e pola afluencia do público”, tanto no recinto feiral coma nos estabelecementos de Arzúa.