A Eurocámara respalda as axudas e aos sector pesqueiro e acuícola pola guerra de Ucraína

Barcos amarrados durante o paro do transporte. (Foto: Europa Press)
A posición negociadora será votada no pleno do Parlamento Europeo en xullo, antes de iniciar conversas cos diferentes gobernos da Unión Europea.

A comisión de Pesca do Parlamento Europeo deu luz verde esta segunda feira a unha axuda financeira para o sector pesqueiro e acuícola da UE ao amparo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, coa intención de paliar as consecuencias económicas da ofensiva militar rusa en Ucraína.

O foco destas axudas está posto naqueles traballadores e traballadoras que non poden realizar a súa actividade e cuxa supervivencia económica está en xogo.

Os eurodeputados apoiaron por unanimidade, con 24 votos a favor, a proposta da Comisión Europea de compensar en termos económicos ambos sectores pola perda de beneficios e os gastos adicionais derivados da guerra.

A posición negociadora será votada no pleno do Parlamento Europeo en xullo, antes de iniciar conversas cos diferentes gobernos da Unión Europea.

A  Eurocámara expón que o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca apoie empresas pesqueiras cuxas operacións se viron comprometidas pola guerra, así como a organizacións de produtores e operadores do sector cuxa viabilidade económica está en xogo debido ás perturbacións do mercado e na cadea de subministración, e aos altos prezos da enerxía, das materias primas ou dos alimentos para os peixes.

Características das axudas

Os gobernos da UE poderán utilizar os recursos do fondo relativos ao período 2014-2020 para afrontar as consecuencias da guerra no sector. 75 % do cofinanciamento deste fondo cubrirá a perda de ingresos e os custos adicionais provocados pola ruptura das cadeas de subministración tras o comezo da guerra.

Ademais, os eurodeputados presentaron unha emenda ao texto para que se inclúan compensacións ás empresas cuxa viabilidade se viu afectada polo conflito, sexan do sector pesqueiro, acuícola ou de procesado.

A comisión sinala que os elevados prezos do combustíbel están a pór en risco a rendibilidade do sector pesqueiro, que se ve abocado a permanecer en porto e non saír a faenar por unha alza dos custos e a caída dos beneficios. 

Estes factores conlevan unha perda de rendibilidade para os operadores. Un problema que se suma ao da industria conserveira que afronta a escaseza de aceite vexetal, segundo a Eurocámara.