Mar

O Parlamento europeo pon cerco á pesca de arrastre

Unha resolución aprobada esta terza feira con case 500 votos positivos avoga por prohibir esta práctica en determinadas áreas protexidas.
Barco arrastreiro (Cepesca)
photo_camera A medida busca "impedir a perda de biodiversidade" e "contribuír á conservación dos ecosistemas mariños". (Foto: Cepesca)

O pleno do Parlamento Europeo pediu esta terza feira que se prohiba a pesca de arrastre en determinadas partes das áreas protexidas para impedir a perda de biodiversidade e contribuír á conservación dos ecosistemas mariños.

Nunha resolución aprobada con 494 votos a favor, 66 en contra e 66 abstencións, os europarlamentarios avogaron polo uso de métodos de pesca "menos daniños" para os ecosistemas mariños.

A resolución asinada avoga tamén por prohibir todas as actividades industriais extractivas prexudiciais para o medio ambiente, como a minaría e a extracción de combustíbeis fósiles en áreas mariñas protexidas.

A Cámara europea, aliás, urxiu os estados membro a "impulsar os investimentos" en prácticas de pesca e acuicultura sostíbeis e subliñou a necesidade de investir en novos barcos e infraestruturas para os portos.

Tamén considerou preciso "diversificar as economías costeiras". Neste senso, avogou por impulsar modelos de acuicultura sostíbel e apoiar aos pescadores afectados pola denominada transición verde.

O pleno do Europarlamento lamentou a "falta de dirección" cara a unha pesca e acuicultura sustentábeis e avogou por redirixir estes sectores cara ao "uso responsábel e sostíbel dos recursos naturais", impulsando os espazo mariños sans en termos ambientais.

Alianzas contra a pesca ilegal

Por outra parte, as e os eurodeputados puxeron de manifesto a importancia de estabelecer relacións bilaterais con terceiros países xa non só para impulsar a pesca sostíbel, senón para loitar contra a pesca ilegal.

Comentarios