Parte da frota galega permanece en porto mentres os paros chegan ás conserveiras

O sector exixe medidas urxentes ao Goberno español á espera da reunión desta cuarta feira co ministro Luis Planas.
A frota de Celeiro (Viveiro), a primeira en parar, recoñece que secundar paros agora é "inviábel" para o futuro da actividade pesqueira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera A frota de Celeiro (Viveiro), a primeira en parar, recoñece que secundar paros agora é "inviábel" para o futuro da actividade pesqueira (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Esta segunda feira, 21 de marzo, era a data fixada pola frota para o inicio dun paro indefinido en sinal de protesta polos altos prezos dos carburantes. Aínda que as confrarías galegas se desmarcaron da proposta estatal a finais da pasada semana, o certo é que moitas embarcacións, fundamentalmente as de baixura e artes menores, permaneceron amarradas a porto, xa que o alto prezo do gasóleo non lles compensa o feito de saír faenar.

Outro dos factores que motivou que parte da frota optase por quedar en porto foi a folga de transportes, que durante os últimos días estivo a impedir a saída de peixe, o que motivou tamén a cancelación das poxas en localidades como A Coruña, Vigo ou Celeiro (Viveiro).

Precisamente, Suso Lourido, xerente da frota de Celeiro, indicou a Nós Diario que hoxe puideron dar saída a todo o peixe que tiñan almacenado nos últimos días, unhas 140 toneladas, sen ter que destruír nada.

"O problema é que van seguir chegando os barcos que estiveron aguantando no mar. Esperemos que se respecte o traballo da xente e se lles deixe vender e non se repita a situación da semana pasada", apuntou Lourido, que recoñeceu que o peixe "non saíu aos prezos que esperabamos, pero minimizouse o impacto e non perdemos tanto".

Diferencias nas frotas 

O amarre das flotas afectou á actividade dos portos galegos, aínda que en Vigo os barcos de altura deixaron un volume de descargas algo maior do habitual. Porén, o presidente da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, indicou que apenas contaron na xornada con 10 toneladas de peixe, unha situación que  cualificou de "preocupante".

Sobre a situación da frota de altura, Suso Lourido indicou que "ten as súas particularidades". Neste senso, sobre os paros, explicou que "coincidiu todo horríbel", pois a xente que estaba en terra ten que saír para atender os seus compromisos.

"Entre o que duran as mareas e os cinco días sen vender, levamos case un mes parados", denuncia. "Parar agora é inviábel. Veremos que pasa a partir desta cuarta feira", dixo en alusión á reunión prevista para mañá entre representantes do sector e o ministro de Pesca.

Conserveiras paradas

Sobre esta cuestión tamén se pronunciaron esta segunda feira a conselleira de Pesca, Rosa Quintana, e o presidente da patronal da conserva (Anfaco) e da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG), Juan Manuel Vieites.

Nun encontro sobre a situación da cadea mar-industria, ambos os dirixentes volveron exixir ao Goberno español medidas urxentes e seguir o exemplo de Portugal, Francia ou Irlanda, onde "xa a semana pasada acordaron baixar 35 céntimos o prezo do combustíbel".

"Non podemos agardar ao 29 de marzo ─data na que o Goberno español dixo que anunciaría as medidas para conter a escalada dos prezos─ porque igual ese día as empresas xa non teñen capacidade para seguir subsistindo", alertou a conselleira.

Pola súa parte, Vieites anunciou que esta segunda feira pararon a súa actividade tres empresas da conserva ─unha da ría de Vigo, outra de Arousa e outra de Carballo─ polo contexto socioeconómico.

Comentarios