Confrarías galegas piden ao Ministerio unha rebaixa de 35 céntimos por litro de combustíbel

A Federación Galega de Confrarías de Pescadores reuniuse este sábado de forma urxente para analizar a crise no sector por mor da suba dos combustíbeis.
Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021 (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #pesca #frota #poem #eólicamariña #sectorpesqueiro #economía
photo_camera Pescadores no peirao de Burela, en abril de 2021. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Federación Galega de Confrarías de Pescadores vén de solicitar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha rebaixa de "como mínimo" 0,35 céntimos por litro de combustíbel.

Así o acordou a xunta xeral da Federación, reunida de forma extraordinaria e urxente para analizar a situación do sector ante a suba do prezo dos carburantes.

Ademais, volveron demandar a exoneración das cotas da seguridade social cando menos até o mes de xuño, un aspecto que pasaría a ser revisábel a partir dese mes.

As confrarías galegas tamén acordaron participar da reunión da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, que está previsto que se convoque logo de que manteñan, a próxima semana, un encontro co ministro Luis Planas para analizar a proposta recibida.

No caso de non ser atendidas as súas demandas, anunciaron que valorarán outras medidas "máis contundentes".

Planas, pola súa parte, xa avanzou esta semana a intención do Goberno estatal de artellar unha serie de medidas para axudar o sector pesqueiro polo incremento de prezos do combustíbel que estarán incluídas no 'Plan de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína', que está previsto que se aprobe o vindeiro 29 de marzo.

Cómpre lembrar que as confrarías se mobilizaron esta semana en Arcade (Soutomaior) para exixir medidas concretas ante a suba de prezos que, din, está a afogar o sector.

Comentarios