Mariñeiros sobre o acordo aprobado en Bruxelas con Mauritania: “É a ruína total”

Tripulantes dos barcos 'Iván Nores' e 'Estella', que en virtude do convenio ratificado por Bruxelas non poden volver faenar nesas augas, afirman que “o futuro é negro”. Para a CIG, a falta de compromiso político é a causa da aprobación do acordo na UE que expulsa a frota galega de Mauritania.

flotamauritania

A flota cefalopodeira galega que faenaba en augas mauritanas non volverá a ese caladoiro. Si o farán buques doutras flotas, mais o acordo pesqueiro aprobado esta semana en Bruxelas deixa fóra os cefalopodeiros. “O futuro é negro” e “Isto é unha ruína total”foron algunhas das expresións dos tripulantes dos barcos galegos Iván Nores e Estella para definir o que supón para eles a ratificación do acordo. A decisión, indican desde a CIG, enche o sector de pesimismo e incerteza, consciente de que perde o último gran caladoiro que lle quedaba á flota galega.

Desde a CIG-Mar  denuncian a falta de compromiso político como causa da aprobación do acordo na UE que a expulsa de Mauritania. Xavier Aboi lamentou durante a súa intervención o feito de que os afectados se atoparon “sós a nivel político” e salientou que das catro forzan políticas con representación no Parlamento galego “unicamente o BNG se comprometeu coa flota galega dende o principio”.

Despezamento de barcos

Aboi indicou que a única saída que lle queda á flota é a explotación doutros caladoiros, para o que é necesario investir na adaptación dos barcos. Isto só é posíbel naqueles de maior tamaño, polo que varios armadores xa optaron polo despezamento a pesar de que nalgúns casos se trata de embarcacións que non chegan aos 15 anos (cando a vida media alcanza os 35). 

Comentarios