Un equipo de investigación integrado por persoal da Universidade de Santiago de Compostela e mais da Universidade do Porto propón a "xestión intelixente" dos incendios para atallar un problema que cada ano afecta á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.
Esta modalidade "ten como obxectivo controlar o réxime de incendios a través de intervencións na configuración da vexetación que favorezan paisaxes mais resistentes e resilientes ao fogo, ao tempo que aseguren a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos", como explica o coordinador do traballo, Adrián Rego.
O estudo empregou modelos matemáticos de acordo con distintas estratexias de xestión do territorio para o período 2020-2015, analizando os seus potenciais efectos nos incendios e outros factores como a dispoñibilidade de hábitats para as aves, anfibios e réptiles do parque.
"Demostra como políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais nesta zona, revertendo a actual tendencia de abandono rural. poderían reducir ata un 50% (10.000 hectáreas) as áreas afectadas polos grandes incendios forestais previstos entre 2030 e 2050 de acordo co réxime de incendios histórico”, expón o doutor Regos
Fracaso das políticas
O equipo sinala os efectos do cambio climático e mais o abandono das actividades silvopastorais como algunhas das causas que explican o "crecente impacto dos incendios dos incendios forestais nas paisaxes do sur de Europa", afectando especialmente a Galiza e mais ao veciño Portugal.
Tamén as políticas forestais actuais, que se centran "na supresión inmediata, sen ter en conta o papel fundamental que o fogo como proceso exerce nos ecosistemas, o que paradoxicamente favorece a acumulación de 'combustible' e a unha transición cara paisaxes mais inflamables e propensos a sufrir grandes incendios forestais".
Desde comezos de 2020 a reserva do Gerês-Xurés xa ardeu en dúas ocasións, nos meses de febreiro e marzo, con 3,5 hectáreas afectadas en total. Mais a área ten sufrido sinistros moito máis graves, como o de outubro de 2017, en plena vaga de incendios, que calcinou 650 hectáreas deste parque nacional e a presenza de lumes nos municipios que o conforman é periódica.