'Eólica Así Non' chama a protestar no Parlamento contra o modelo eólico do PP e "as leis do capital"

Unha muller pega un cartaz contra a invasión eólica en Meira, o 11 de decembro. (Foto: Europa Press)
A plataforma, integrada por ducias de colectivos ecoloxistas, sociais, culturais, de persoas afectadas, comunidades de montes e sindicatos, reclama un modelo eólico distinto do que promove a Xunta da Galiza.

Os beneficios das renovábeis non poden supor un prexuízo para os ecosistemas, a biodiversidade, o patrimonio ou a veciñanza. A denuncia deu pé a numerosas mobilizacións na Galiza, masivas, contra un modelo eólico que o Goberno do PP insiste en reforzar.

Proba deste empeño é a protesta convocada pola coordinadora Eólica Así Non, que esta segunda feira chama a cidadanía a concentrarse fronte ao Parlamento da Galiza coincidindo co debate no hemiciclo da Lei de acompañamento dos orzamentos da Galiza.

Baixo a lema 'As leis do capital non son de interese xeral', a plataforma reunirá colectivos procedentes de todo o territorio para amosar o seu rexeitamento ás iniciativas do Goberno galo en materia eólica.

Debate na Cámara galega

"Escollemos o día porque nesa Lei de acompañamento dos orzamentos de 2024 incorpórase unha disposición normativa que impuxo o PP acolléndose á súa maioría absoluta, polo que seguramente sairá adiante, que se refire á declaración de interese público superior dos proxectos eólicos xa autorizados desde o 30 de decembro de 2022".

Segundo explica a Nós Diario Belén Rodríguez, de Adega, voceira da coordinadora Eólica Así Non, esta proposta supón "unha nova forma de depredación do territorio e de abuso da maioría absoluta", da que se vale o PP, di, para sacar adiante leis que "prexudican o pobo galego e benefician só o lobby enerxético".

Eólica Así Non pide que non se aprobe esa disposición que declara os proxectos eólicos, por defecto, de interese público superior, porque iso "presupón que todos serían compatíbeis co medio, coa preservación da biodiversidade e co benestar e calidade de vida das comunidades afectadas".

Iso non é así, afirma. Ao contrario, moitos dos proxectos que a Xunta está a autorizar, di "exercen un elevado impacto sobre a poboación e a súa forma de vida na contorna, mesmo sobre actividades económicas estratéxicas para o país".

Modelo abusivo

Eólica Así Non está en contra do modelo de implantación de enerxías renovábeis que promove a Xunta, "abusivo e antiecolóxico" e espera unha ampla participación na protesta, a dada a relevancia das disposicións que piden retirar.

Neste sentido tamén fai memoria doutra iniciativa legal impulsada polo PP que "está agora mesmo no Consello Económico e Social, que é a Lei de beneficios económicos e sociais procedentes do aproveitamento de recursos naturais que é, ao seu ver, "un novo instrumento para branquear o espolio do país".

Asegura Belén Rodríguez que esta lei recorta os dereitos da cidadanía na participación da autorización de proxectos industriais de elevado interese para o conxunto da sociedade e prevalencen os dereitos do capital privado sobre os intereses comúns".

A voceira de Eólica Así Non denuncia que esta lei xa está a ser aprobada antes da súa aprobación "a través da constitución desta sociedade público-privada, Recursos da Galiza, que anunciou hai poucos días o presidente da Xunta".

Este instrumento, di, é unha "oportunidade perdida" para impulsar unha "sociedade pública capaz dun control efectivo sobre o aproveitamento dos noso recursos naturais, con criterios de carácter ambiental e de xustiza social".

Amil Sen Eólicos

O colectivo Amil Sen Eólicos, membro da platataforma Eólica Así Non, estará no Parlamento esta segunda feira a partir das 16.30 horas.

"Cremos que esta Lei de acompañamento dos orzamentos non debera saíra adiante", asegura Lucas Andión, quen destaca os danos ocasionados pola industria eólica no monte do Acibal, en Moraña (comarca de Caldas).

"Parece que por fin están as obras detidas. Custou. Norvento seguiu a traballar malia a orde xudicial que o obrigaba a parar. Escusáronse con dous argumentos: estamos a facer labores de mantemento e xa o temos case acabado, pero o certo que neste tempo finalizaron xa a base dun muíño".

Amil acollerá un dos actos centrais que se preparan na Galiza para conmemorar o Día das Montañas e denunciar o impactos dos eólicos. Mentres se achega a data, 11 de decembro, alzarán a súa voz ante o Parlamento da Galiza.