Consello da Xunta

Rueda non ve unha "emenda" á súa política eólica nas sentenzas do TSXG: "O contrario suporía que algúns xuíces fan política"

"Se pensase que é unha emenda á política da Xunta sería tanto como pensar que os tribunais están a facer política, e non creo que sexa así, nin que debese selo", dixo, en resposta a unha pregunta de 'Nós Diario'.
O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de hoxe. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de hoxe. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, negou esta quinta feira, a preguntas de Nós Diario, que as recentes —e múltiples— sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) obrigando a paralizar diferentes proxectos eólicos autorizados polo seu propio Goberno —e máis concretamente sobre o de Acibal, cuxos permisos quedaron en suspenso de forma cautelar esta mesma semana— estean a pór en tela de xuízo a súa política eólica.

"Se pensase que é unha emenda á política da Xunta sería tanto como pensar que os tribunais están a facer política, e non creo que sexa así, nin que debese selo", respondeu, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. O presidente apuntou, como xa manifestara noutras ocasións, que cando non están de acordo coas resolucións xudiciais que "poñen en cuestión informes técnicos" feitos de forma "minuciosa", o Executivo "acátao".

E, cando discrepan en San Caetano, reaccionan "cos mecanismos" que teñen, como son os recursos xudiciais. Neste senso, lembrou que están pendentes dun recurso de casación ante o Supremo que "marcará a pauta" para este tipo de cuestións.

Preguntado sobre se se trata dun cuestionamento á política da Xunta, Rueda dixo que quere "pensar que non", porque no caso contrario, afirmou, "habería que pensar que o que fai o TSXG, ou algúns maxistrados, é facer política, ou tentar evitar unha política que non lles gusta". "Creo que en absoluto é así", apostilou.

O mandatario galego tamén dixo, tras manter o seu "respecto" polos pronunciamentos xurídicos, que non están de acordo con algúns deles, e precisou que "están pondo en perigo investimentos importantes", xa que moitos están vinculados á instalación de proxectos industriais que queren funcionar na Galiza e que, se non, marchan a outro territorio.

Ademais, agregou que, "respectando a legalidade", seguirán insistindo en que "se pode" compaxinar o respecto ambiental con estes proxectos, e lembrou que a propia Xunta botou abaixo algúns proxectos.

Comentarios