Os folguistas concentráronse perante a sede da Xunta na cidade cunha faixa que dicía: “Equivalencia título = equivalencia condicións”. Esixen que a Consellaría de Educación restitúa seis postos de traballo perdidos nos dous últimos anos. A dirección da ESAD reclamaba tres novas vacantes na docencia e non lle foron concedidas. A maiores, Educación eliminou outras dúas.
En 2014, a escola contaba con 42 interinidades. Na actualidade, con 34. E a política de austeridade coincide ademais cun aumento da matrícula e co que a CIG considera “un particular asañamento” do inspector Gonzalo Lorenzo Pozzo. “Amosa unha actitude totalmente hostil e arbitraria nas súas funcións respecto á ESAD”, afirma o sindicato.
A folga continúa esta terza e cuarta feira, desta volta con manifestacións ás once da mañá na xefatura territorial da consellaría en Pontevedra.