A gran diferenza entre o número de contaxios e defuncións por coronavirus entre as residencias públicas e as privadas deixa ver que algo non vai ben no modelo residencial actual da Galiza.
O Sergas computaba onte 210 mortes nos centros de maiores e de discapacidade, 44,21% do total dos falecementos rexistrados na Galiza pola COVID-19.
Atendendo aos datos publicados no informe do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen), que opera sobre as defuncións rexistradas a 19 de abril, nas residencias públicas as mortes supoñen 0,1% do total de usuarias, mentres que nos centros de empresas privadas con ánimo de lucro a porcentaxe alcanza 0,7%.
O estudo tamén sinala que mentres a pública rexistraba 60 usuarias contaxiadas, a cifra ascendía a 764 contaxios nos centros de titularidade privada e a 63 nos públicos xestionados por empresas.
Cando a pública rexistraba 60 contaxios, na privada ascendían a 764
Factores explicativos desta diferenza poden ser varios, pero o doutor epidemiólogo Francisco Vizoso sinala o enorme interese que tería poder estudar tres variábeis concretas. Estas pasarían por facer unha comparativa entre os centros públicos e os privados atendendo á ratio de persoal, á súa formación e á calidade da alimentación.
"Sería interesante comparar os pesos das e dos usuarios das residencias de empresas privadas que foron intervidas pola Xunta", di Francisco Vizoso, en relación á mellora da alimentación que se deu nestes centros desde que os dirixe a Administración galega e non corporacións lucrativas.
O PP di que "a pandemia afectou a centros con todo tipo de titularidade"
Nós Diario púxose en contacto coas forzas políticas do Parlamento galego para coñecer onde sitúa cada cal as causas polas que a extensión do contaxio da COVID-19 foi diferente nestes centros e para saber tamén cal é o modelo de residencias que a Galiza precisa.
O PP non ve causa nin efecto na titularidade
Fontes do Partido Popular sinalan a este medio que na Galiza, porcentualmente, o impacto do coronavirus nas residencias públicas e privadas atópase en niveis semellantes, atendendo á porcentaxe de centros privados e públicos sen casos de coronavirus, que son arredor de 80%, din, e conclúen que "a pandemia afectou a centros con todo tipo de titularidade".
De cara ao tempo futuro, consideran que, ao igual que "sucederá noutros sectores, haberá que tomar medidas de reforzo dos controis, tamén en canto á dotación de material de protección e á aplicación de medidas de distanciamento social".
Nese sentido, desde o Partido Popular queren destacar que "hai moitas residencias na Galiza que, independentemente da súa titularidade, foron un exemplo na prevención e na contención da pandemia".
O PSdeG defende reverter as privatizacións
Pablo Arangüena, vicesecretario xeral de Política e portavoz do PSdeG, sinala que a diferenza do número de afectadas entre as residencias públicas e privadas débese a "un problema de xestión, xa que se priorizou o beneficio económico en lugar do coidado e do benestar".
Arangüena afirma que esta crise puxo de manifesto que a "supervisión e o control da Xunta é deficiente".
A futura Xunta deberá, para Arangüena, "tender a minimizar a privatización e tratar de revertela". Desexa tamén que a Administración galega "exerza as súas competencias, sancione e controle que as residencias funcionen adecuadamente".
En Común, polo público
"O problema das residencias galegas é o modelo implantado pola Xunta desde que Alberto Núñez Feixoo chegou ao Goberno galego", sinala a Nós Diario o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino. Ese modelo, di Reino, "consistiu exclusivamente en recortar o orzamento e en privatizar a xestión dos centros".
Por iso, e a pesar de resaltar que a epidemia era "impredicíbel", Reino sinala que "as residencias privatizadas estaban na peor situación posíbel para enfrontar o coronavirus".
O líder de Galicia en Común afirma que Feixoo era sabedor das eivas nos centros de maiores. Ante esa situación, Reino salienta que "desde o primeiro momento da crise, reclamou a Feixoo que intervise os centros e os medicalizase".
"O modelo de residencias que Galicia en Común defende baséase no público "e por impedir que se poida facer negocio coa vida, a saúde e o benestar dos maiores". A aposta do seu grupo pasa por "incrementar substancialmente o orzamento destinado á asistencia a maiores para asegurar que conten cos recursos humanos e materiais necesarios".
Nese sentido, avogan por "armar unha rede residencial pública xestionada pola Administración que garanta o benestar das usuarias, a tranquilidade das familias e unhas condicións laborais dignas para as traballadoras".
O BNG quer residencias públicas e garantir o acceso
A deputada do BNG Montse Prado critica o modelo "privatizador" do PP. Indica a nacionalista que, ademais, "nestes once anos de Feixoo no Goberno non creou unha soa praza de xestión pública directa", e sinala que "agora se está a verificar que as empresas das residencias teñen conivencia co PP". Critica Prado o modelo asistencial da Xunta por ser "raquítico, con ratios de persoal moi baixas e cun escaso ou inexistente persoal sanitario".
A nacionalista pon o exemplo da residencia de Ribadumia, onde familiares de usuarias denunciaron que "polas noites non quedaba ningún persoal sanitario".
O de Feixoo "é un modelo baseado no negocio e non na atención. Réxese polo lucro e agora, coa crise, vemos con toda a crueza as consecuencias", conclúe.
O BNG, di Prado, defende un modelo público onde o prioritario é a atención ás e aos maiores. Para a nacionalista o modelo pasa por unha "xestión directa, construción de residencias públicas, garantir un acceso equitativo, unha rede residencial ao longo de todo o país, abandonar o modelo de macro residencias e apostar por tamaños accesíbeis, que permitan ás usuarias estar perto da súa contorna e familia".
En Marea iguala a privada á precariedade
Davide Rodríguez, de En Marea e deputado no Grupo Mixto, expón que a diferenza "vese agora pero leva anos aí", e sinala que se debe a que as empresas viron un espazo nos centros de maiores para facer negocio.
"O modelo ao que deberiamos ir é 100% público. As privatizacións implican unha merma de calidade. Eu coñezo a residencia de Manzaneda, de xestión municipal, e a situación das traballadoras e o volume de medios non ten nada que ver coa privada", di Rodríguez, criticando a gran precariedade laboral que hai na privada.