A Consellaría de Economía destina 297.000 euros a convenios de colaboración coa prensa escrita, excluíndo 'Nós Diario'
O DOG publica a resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria cos convenios de colaboración subscritos con xornais editados na Galiza no primeiro cuadrimestre deste ano, entre os que non figura o único diario en galego.
O Diario Oficial da Galiza deste 4 de xuño publica a resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Economía e Industria, pola que se dá publicidade aos convenios de colaboración subscritos no primeiro cuadrimestre do ano 2025 con medios e grupos de comunicación co obxectivo de "elaborar e publicar informacións sobre estratexias, programas e iniciativas" do departamento que dirixe María Jesús Lourenzá "de interese" para a cidadanía galega.
A resolución, asinada o pasado 23 de maio por José Ramón Pardo Cabarcos, secretario xeral técnico da consellaría, recolle un total de 9 convenios de colaboración con outros tantos xornais por valor de 297.000 euros, excluíndo Nós Diario, o único xornal impreso en galego.
Os convenios
Entre os grupos de comunicación beneficiarios dos convenios coa Consellaría de Economía e figura a entidade Editorial La Capital S.L., editora dos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa, "para informar sobre materias como a eficiencia enerxética, a industria e a dinamización empresarial [...] a través de monográficos ou gráficos en catro páxinas", un acordo asinado no mes de xaneiro polo que recibiu 10.173,91 euros.
Na mesma data e co mesmo obxectivo, o departamento que dirixe María Jesús Lourenzá adxudicou 4.695,65 euros a Rías Baixas de Comunicación S.A., editora do xornal Atlántico por "elaborar e publicar tres reportaxes ou entrevistas relacionadas coa industria, o desenvolvemento enerxético, a dinamización empresarial ou aquelas materias vencelladas coa consellaría"; e 143.608,70 euros á Corporación Voz de Galicia S.L.U., "para elaborar e publicar [información] en La Voz de Galicia e outros medios do grupo".
Neste caso concreto o convenio estabelece unhas condicións de colaboración concretas para a difusión de contidos de interese para a sociedade galega relacionados co ámbito competecencial da Consellaría de Economía e Industria mediante "cinco monográficos de 'Galicia crece', de oito páxinas cada un, a celebración de tres cafés de redacción con divulgación de contidos abordados no xornal La Voz de Galicia e a cobertura en Radiovoz das iniciativas que se consideren oportunas e que se pidan recoller ao longo da vixencia do convenio".
El Progreso de Lugo S.L., editora do xornal El Progreso, recibiu 29.739,13 euros por "levar cabo dúas mesas de debate sobre temas de interese económico e empresarial e divulgalas nun mínimo de catro páxinas e elaborar e publicar dúas páxinas divulgativas sobre materias do ámbito competencial da consellaría".
A entidade Lérez Ediciones S.L.U., editora do xornal Diario de Pontevedra, 11.347,83 euros por "elaborar e publicar información sobre materias do ámbito competencial da consellaría mediante texto, monográficos ou gráficos nun mínimo de tres páxinas". La Región S.A., editora do xornal La Región, percibiu 21.130,43 euros por "cinco páxinas relacionadas coa industria, o desenvolvemento enerxético ou dinamización empresarial, entre outras, nun apartado específico de economía. En concreto, dúas delas relativas a un encontro xornalístico sobre ditas materias competenciais e as outras tres con contidos de reportaxes divulgativas".
Na mesma liña, EPI Prensa, S.L., editora do xornal El Correo Gallego, obtivo 9.782,61 euros por "un encontro xornalístico sobre un tema de interese económico e empresarial e divulgalo en dúas páxinas do seu xornal e elaborar e publicar xa sexa mediante texto, monográficos ou gráficos dúas páxinas de información relacionada coas estratexias, programas e/ou iniciativas da consellaría con volcado na web incluído".
Ademais, Faro de Vigo S.A.U., editora do xornal Faro de Vigo, cobrou 58.695,65 euros por levar a cabo "un café de redacción e divulgalo a dobre páxina e elaborar e publicar tres páxinas soltas impares en branco e negro e en días laborais con novas da Consellaría de Economía e Industria e volcado na web incluído". Pola súa parte, La Opinión da Coruña S.L., editora do xornal La Opinión A Coruña, recibiu 7.826,09 euros por elaborar e publicar "tres reportaxes e/ou entrevistas divulgativas sobre materias competenciais da consellaría en páxinas impares soltas en branco e negro en días laborais con volcado na web incluído".
Desta maneira, a práctica totalidade dos xornais que se publican na Galiza asinaron un convenio e percibiron unha achega económica de Industria coa mesma finalidade, "elaborar e publicar información relacionada con estratexias, programas e/ou iniciativas da consellería que resulten de interese para a cidadanía", obxectivo do que Nós Diario ficou excluído.
Xa no mes de maio, o DOG deu a coñecer a relación de convenios asinados pola Consellaría de Educación para mercar xornais para centros de ensino, acordos dos que tamén quedou fóra o único diario en galego editado na Galiza.

