Educación destina 297.000 euros a comprar xornais para centros escolares, excluíndo o único diario en galego
O DOG publica a resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades cos convenios de colaboración subscritos no primeiro cuadrimestre deste ano: 297.000 euros para mercar xornais para centros de ensino, excluíndo Nós Diario, o único xornal impreso en galego.
A Consellaría de Educación ten un programa para o fomento da lectura da prensa escrita entre o alumnado dos centros docentes da Galiza. Neste sentido, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publica esta quinta feira 11 convenios asinados con diferentes empresas de comunicación para ese programa de fomento da lectura, asinados en xaneiro e con diferentes importes, desde os 3.500 con Rías Baixas Comunicación até os case 150.000 con La Voz de Galicia.
En total, perto de 300.000 euros (297.000 en concreto) que a Consellaría de Educación destina a adquirir prensa para as aulas dos centros escolares galegos. Uns convenios dos que fica excluído Nós Diario, o único diario en papel que se publica integramente en galego.
Non é esta a primeira vez que este xornal fica excluído das axudas que a Administración galega dispón para a prensa escrita e que se conceden á práctica totalidade dos xornais que se publican na Galiza, asi como tamén a aqueles que teñen a súa cabeceira central en Madrid, agás para o único diario que se publica en galego.
Os convenios
Entre as compañías beneficiarias dos convenios coa Consellaría de Educación publicados este 15 de maio no DOG atópanse EPI Prensa S.L., vencellada a Prensa Ibérica, a editora de xornais como Faro de Vigo ou El Correo Gallego, que recibe máis de 14.100 euros. Ademais, Faro de Vigo recibe de forma directa outros 56.889 euros.
A achega para La Opinión A Coruña é de 5.100 euros, mentres que a de El Progreso de Lugo supera os 27.000 euros. Pola súa parte, Lérez Ediciones S.L., editora de El Diario de Pontevedra, recibe case 11.400 euros. O convenio con Diario de Arousa é de case 1.570 euros, o do Diario de Ferrol de case 2.750 euros, ambos editados por La Capital, ao igual que El Ideal Gallego, que recibe máis de 3.130 euros.
O convenio con La Región é de case 21.600 euros, mentres que Rías Baixas Comunicación, tamén do Grupo La Región e a editora de Atlántico, ten unha achega de 3.531 euros. E como xa foi mencionado, La Voz de Galicia é perceptora de case 150.000 euros.
