Alén da que se refire aos contaxios da Covid, hai outra vaga que está a medrar no país por mor da pandemia: a "psicolóxica". O estrés e a ansiedade son dous factores que condicionan o día a día de moitas persoas, en especial das crianzas e as persoas maiores.
O Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza organiza do 22 ao 24 de febreiro a terceira edición do ciclo 'Tempo da Psicoloxía', desta volta artellado en base aos efectos da pandemia sobre a saúde mental. O acceso a esta actividade, que se desenvolverá a través da plataforma Zoom, é de balde e sen inscrición previa (até un máximo de 500 asistentes).
A pandemia afecta o conxunto da sociedade, mais en especial as persoas maiores e a cativada
"As e os mozos, tanto cativos como adolescentes ou mesmo universitarios, poden ver afectado o seu desenvolvemento porque están nunha etapa vital na que a socialización entre iguais é imprescindíbel e agora está restrinxida", afirma a este xornal a coordinadora do evento, a psicóloga Socorro Rodríguez Holguín.
Tamén as anciás e anciáns padecen especialmente as consecuencias do illamento social: "Varía en función da persoa, de se é dependente ou autónoma, mais a todas lles afecta ollar cara ao futuro. Hai un mes diciamos que había que sacrificar o Nadal para poder celebrar os vindeiros, e é unha boa mensaxe, pero un home ou muller de 90 anos pensa que non vai ter máis festas, e o único que quere é ver ás e os seus netos", argumenta.
As secuelas da Covid
Rodríguez Holguín considera que, "agora que vemos a luz ao final do túnel", cómpre pór o foco sobre a saúde mental: "A crise sanitaria rematará e a economía, malia que tardará un pouco máis, recuperarase, mais o malestar psicolóxico perdurará no tempo porque depende en boa medida das dúas anteriores. E isto afecta, en maior ou menor medida dependendo de como o afronte cada persoa, ao conxunto da sociedade", sostén.
Neste senso, a psicóloga lembra a recesión económica de 2008, que provocou que moita xente "mudase radicalmente o seu modo de vida", algo que, ao seu xuízo, acontecerá novamente. "Os efectos da pandemia serán prolongados, máis aló da saída directa da crise sanitaria", relata.