Este 14 de marzo fanse dous anos da declaración do primeiro estado de alarma por mor da pandemia da Covid. Dous anos de confinamentos severos, feches e restricións de mobilidade que deron paso a unha nova normalidade, cada vez máis palpábel.
Coincidindo con este aniversario Sanidade vén de anunciar que deixa de actualizar a diario os datos da Covid. Un paso máis nunha xestión renovada do coronavirus que as autoridades sanitarias avanzan aos poucos.
A gripalización da Covid mantense no horizonte, pero aínda non se describe ás claras. As únicas mudanzas, polo momento, afectan ao rastrexo e ao seguimento dos casos, a piques de dar o salto cara a un escenario no que a definición de casos positivos e a vixilancia de casos se vai limitar ás persoas máis vulnerábeis.
A vacinación continúa pero volve afastarse dos grandes recintos para continuar nos hospitais, e na rúa, o debate sobre a permanencia das máscaras en determinados espazos, persiste.
Até cando serán obrigatorias?
Nunha entrevista concedida á Radio Galega este domingo, o conselleiro de Sanidade insistiu en que o Goberno galego consultará co Comité Clínico a retirada das máscaras nas aulas nas tras finalizar a segunda dose nas crianzas, como se comprometera.
Cuestionado sobre cando se estenderá a retirada das máscaras a outros ámbitos, Julio García Comesaña amosouse prudente e asegurou que se irán dando "pequenos pasos", pero que chegará "máis pronto que tarde" con "prudencia" e analizando "aos poucos" cada avance, en liña co expresado pola ministra Carolina Darias.
O catedrático emérito en Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, Juan Gestal, considera, en declaracións a Nos Diario, "que aínda debemos agardar un pouco", especialmente na Galiza, onde as incidencias aumentaron nos últimos días polos efectos do Entroido.
Gestal avoga por manter a máscara en interiores, "e debe ser unha máscara FFP2 ben axustada".
Sobre os cambios na xestión dos casos positivos e dos seus contactos, o experto advirte que é o momento de ir deixando atrás "as restricións". A situación epidemiolóxica permíteo. "As rebaixas na duración das coarentenas é un risco perfectamente asumíbel, así como que non teñan que facela os contactos vacinados de positivos". Se ben, recomenda que extremen as medidas de vixilancia e prevención durante os sete ou dez días tras o último contacto. "Os positivos deben seguir facendo coarentenas con independencia de que presenten ou non síntomas".
Máxima eficacia biolóxica
De cara ao futuro, Juan Gestal non perde de vista a "elevada transmisibilidade" da variante Ómicron. "É o virus máis transmisáibel de toda a historia da humanidade, máis que o virus do sarampelo". Só na sexta vaga produciu mais de 6,2 millóns de casos, dos 11,2 millóns rexistrados na pandemia en todo o Estado.
Tamén destaca o seu "elevado escape inmune, que lle permitiu producir o maior número de reinfeccións e infeccións de vacinados de toda a pandemia".
Todo isto, di, apunta "que o virus puido ter alcanzado xa a máxima eficacia biolóxica, e non vai ser doado, pero tampouco imposíbel, que apareza unha variante máis transmisíbel e con maior escape inmune".
Por outra parte, engade “a súa benignidade". "Máis de 95% das infeccións son asintomáticas ou leves e isto fainos pensar que se está adaptando a convivir con nós. Os virus respiratorios están comezando a circular con mais forza, e xa van aló máis de dous anos, o tempo que duraron as pandemias respiratorias dos últimos 130 anos".
O catedrático da USC confía en que "agora si, remate". De ser precisa o próximo outono-inverno, anticipa, "a vacinación xa será personalizada".