BNG e PSdeG apostan pola xestión pública das residencias de maiores
A Xunta non mediará no conflito entre o persoal das residencias privadas e a patronal
O debate sobre o sistema de xestión dos centros de maiores volveu onte á Cámara galega a través de dúas iniciativas presentadas na Comisión de Sanidade, Política Social e Emprego polos grupos parlamentarios do BNG e do PSdeG. Dous textos que apostaban pola xestión directa das residencias da terceira idade, denunciaban os elevados prezos dos centros privados e cuestionaban o modelo asistencial do Goberno galego. Ambas propostas foron rexeitadas polos votos do Partido Popular.
Os datos achegados polo censo do documento Centros Residenciais de Servizos Sociais no Estado español, elaborado polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, sinalaban que en 2023, último ano con cifras, 90% das prazas residenciais para persoas maiores na Galiza eran de xestión privada. Nesta liña, o relatorio apuntaba que o sistema residencial galego ofrecía 21.389 prazas a persoas maiores, das cales 16.705 eran de titularidade e xestión privada; 2.562, de titularidade pública e xestión privada, e as 2.122 restantes, de titularidade e xestión pública.
A realidade desvelada polo relatorio Imserso estase a acentuar nos dous últimos anos pola decisión do Goberno galego de privatizar a xestión das residencias doadas pola Fundación Amancio Ortega. A este respecto presentou onte unha iniciativa a deputada socialista Paloma Castro, quen defendeu a xestión directa por parte da Administración galega do centro de maiores da Eiriña, en Pontevedra, edificada pola fundación que leva o nome do primeiro accionista do grupo Inditex e cuxa titularidade corresponde ao Executivo galego. A proposta non saíu adiante ao votar en contra o grupo parlamentario popular.
A xestión privada está a impedir o acceso ás residencias de moitos persoas maiores por carecer dos recursos económicos necesarios para sufragar a súa estadía nos centros de maiores. Neste sentido, a deputada nacionalista Olalla Rodil asegurou onte que "é absolutamente inadmisíbel o grao de mercantilización que existe dos coidados e o aproveitamento que fan as empresas e entidades privadas dos dereitos das persoas"e demandou "dirixirse ás empresas e entidades xestoras de residencias de maiores para lembrarlles que o recoñecemento de situacións de dependencia e de prestacións vinculadas a ela non poden ser motivo para o incremento do custo do servizo".
Conflito entre o persoal e a patronal polo convenio
A situación das residencias foi, tamén, obxecto de debate na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos da Cámara galega. Na mesma o deputado do BNG Ramón Fernández reclamou ao Goberno galego que mediase entre o persoal e a patronal dos centros de maiores para desbloquear a negociación do convenio colectivo, tras rachar as conversas unilateralmente no pasado mes de outubro os propietarios das residencias. Nesta dirección, denunciou que "as retribucións recollidas nas táboas salariais para o ano 2024 son inferiores ao salario mínimo interprofesional (SMI)".
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, rexeitou a oferta de mediación formulada polo deputado nacionalista. Nesta dirección, ofreceu o Consello Galego de Relacións Laborais como marco para levar a cabo a negociación do novo convenio
