Traballadoras de residencias levan as súas protestas ante un acto de Rueda en Compostela: "Non somos escravas"

Un cordón policial impediu que pasasen da parte de arriba dunhas escaleiras próximas ao edificio, aínda que as sirenas, cánticos reivindicativos e ruídos con chifres puidéronse escoitar durante as intervencións do evento.
Protestas de traballadoras de residencias e centros de día privados, este 13 de maio en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Protestas de traballadoras de residencias e centros de día privados, este 13 de maio en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Un grupo de traballadoras de residencias privadas e centros de día, convocadas polo sindicato CIG, concentráronse esta terza feira ante un acto do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, en Santiago de Compostela.

Nunha xornada na que decorreu o Foro do Noroeste, organizado por Prensa Ibérica, ao redor dunha ducia de traballadoras protestaron a uns metros do Edificio CINC da Cidade da Cultura no que interveu Rueda.

Un cordón policial impediu que pasasen da parte de arriba dunhas escaleiras próximas ao edificio, aínda que as sirenas, cánticos reivindicativos e ruídos con chifres puidéronse escoitar durante as intervencións neste evento.

As traballadores secundaron varias xornadas de folga en demanda dun convenio "digno". Alí, corearon, megáfono en man, consignas como 'Non somos escravas, somos traballadoras!'. Tamén portaban carteis coa cara da conselleira de Política Social, Fabiola García, nos que se podía ler: "Responsábel da precariedade nas residencias de maiores".

"Servizos máximos de 100%"

Todo isto no marco dunha xornada na que as traballadoras de residencias privadas de maiores e centros de días secundaron o terceiro día de folga en demanda dun convenio digno "con todas as limitacións que implican os servizos máximos de 100% decretados pola Xunta".

Protesta das traballadoras na Coruña. (Foto: Nós Diario)
Protesta das traballadoras na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Neste contexto, a CIG-Servizos valorou de forma moi positiva o desenvolvemento do paro e a participación nas distintas mobilizacións realizadas na Coruña, Cabanas, Narón, Lugo, Compostela, Vigo, Vilagarcía, Ribadumia e Ourense.

Comentarios