Audasa exixirá máis de 1.000 millóns de euros se a concesión da AP-9 é anulada

A autoestrada, no tramo da ponte de Rande, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Miguel Riopa)
A concesionaria da autoestrada que vertebra a costa atlántica galega advirte de que pedirá unha indemnización se perde a xestión, e en consecuencia os ingresos das peaxes, da infraestrutura. Alude así ao procedemento de infracción aberto contra España pola Comisión Europea por autorizar a última prórroga sen unha licitación pública. A compañía xa ten reclamada unha compensación pola caída do tráfico durante o estado de alarma.

A concesionaria da AP-9, Audasa, xa pensa a súa estratexia no caso de que perda a xestión da autoestrada e, polo tanto, os ingresos polas portaxes. Esta cuarta feira estimou en máis de 1.000 millóns de euros a indemnización que reclamará ao Estado español no caso de que o procedemento de infracción aberto pola prórroga na concesión remate coa liberación da infraestrutura.

A compañía, que xa ten reclamada unha compensación pola caída dos ingresos derivada do parón no tráfico rodado durante o estado de alarma, aludiu así ao procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra España por incumprimento da normativa comunitaria ao autorizarse a última prórroga desta infraestrutura sen unha licitación pública.

O que parece unha ameaza aparece recollido nun folleto remitido á Comisión Nacional de Mercado de Valores (CNMV) a finais do mes de outubro con motivo dunha emisión de obrigacións (que ten previsto facer este mes, por importe de 300 millóns).

Así, a empresa insiste en que "calquera medida que puidese contemplar a modificación ou terminación do vixente contrato de concesión por causa non imputábel a Audasa e por razóns de interese público implicaría, en todo caso e conforme á lexislación vixente, o dereito de Audasa a ser debidamente indemnizada".

Desde o seu punto de vista, esa compensación "sería superior ao importe actual da súa débeda". Ao feche de 2020 o seu endebedamento bruto situábase en 1.065 millóns de euros, segundo figura no mesmo escrito.

Contexto do conflito

Estas declaracións xorden despois de que a Comisión Europea anunciara o pasado 23 de setembro a apertura de expediente a España pola extensión até 2048 da concesión da autoestrada galega sen abrir unha licitación pública.

Bruxelas enviou unha carta de emprazamento, o primeiro paso nos procedementos comunitarios de infracción, ás autoridades españolas para garantir a correcta aplicación da regulación europea na concesión de contratos, ao considerar que España non cumpriu coas súas obrigacións nesta materia.

En concreto, o Executivo europeo considera que a última ampliación da concesión da AP-9, que ampliará o pago de peaxes até 2048, non se fixo de acordo á lexislación europea. Esta cuestión xurde a partir dunha denuncia da asociación galega En Colectivo polo pago das portaxes.

Previsión de acontecementos

Pola súa banda, este escrito á CNMV tamén detalla os pasos para seguir polo procedemento de revisión aberto pola Comisión Europea (CE). De tal modo, tras a carta de emprazamento, se a CE chega á conclusión de que o Estado non cumpre as súas obrigacións, pode enviar un ditame motivado, é dicir, "unha petición formal para que se dea cumprimento" á lexislación europea. No caso de que o Estado manteña o incumprimento, a CE pode remitir o asunto, mediante demanda, ao Tribunal de Xustiza da UE ( TXUE).

De tal modo, se o TXUE fornece un auto no que considera que España infrinxe a normativa europea, o Estado "poderá adoptar ou non aquelas medidas que considerase adecuadas para axustarse á sentenza". É aquí onde Audasa advirte de que se deberá indemnizar á compañía en caso de saír prexudicada.

Estas advertencias danse cando, como informa á Comisión Nacional do Mercado de Valores, xa reclama 46,2 millóns de euros ao Goberno pola perda de ingresos no primeiro estado de alarma (do 14 de marzo ao 30 de setembro de 2020).