A Arousa rexeita unha planta de betume que ameaza a ría: "Non merecemos isto"
O pasado 31 de decembro rematou o período de alegacións ao proxecto de terminal de almacenamento de betume que a empresa Betunes Gallegos, S.L.U. quere pór en marcha no porto de Vilagarcía en dúas parcelas que, en conxunto, superan os 7.500 m2 de superficie. A nova terminal conta coa declaración de proxecto industrial estratéxico (PIE) da Xunta da Galiza, o que lle outorga unha cualificación de "interese xeral" que cuestionan desde a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA).
Segundo defenden, non se pode declarar PIE unha iniciativa cuxa localización e actividade entraña "un risco potencial razoábel de que afecte desde a perspectiva ambiental e da saúde aos intereses xerais da maioría da poboación da ría e á súa produción marisqueira".
As dúbidas que rodean o proxecto e a falta de información na documentación achegada pola empresa promotora levaron á PDRA xunta a unha vintena de entidades da ría de Arousa a presentar alegacións á terminal de betume. "Estamos moi satisfeitos pola resposta de todos os colectivos", dos que fan parte "o sector bateeiro, confrarías, mariscadoras e veciñanza".
O presidente da PDRA, Xaquín Rubido, destaca a contestación "plural" e contundente da Arousa a un proxecto "que a ninguén se lle ocorrería planificar nun porto interior" como o de Vilagarcía, "na ría máis produtiva da Galiza".
En declaracións a Nós Diario, Rubido asegura que a localización do proxecto non se xustifica malia a actividade anterior da empresa promotora nunha das parcelas que agora busca devolver á actividade. "Este proxecto é cualitativamente diferente, primeiro, polo volume de betume que prevé almacenar –320.000 m3– cunha rotación anual estimada de 250.000 m3 nunha das parcelas e noutra, duns 50.000 m3". Para o presidente da PDRA, estas cifras deixan claro que "o obxectivo é unha planta de almacenamento e distribución de betume, un material altamente contaminante e perigoso con risco de incendio e deflagración que se transportaría 90% por mar e 10% por terra en camións cisterna por terra".
O proxecto separa o almacenamento do betume da súa distribución, "unha segregación artificial" e interesada, sinala Xaquín Rubido para evitar dar detalles de como a actividade da nova terminal, o manexo do batume e o seu transporte vai afectar os espazos protexidos da ría de Arousa, o interior do porto, o conxunto das traballadoras, a poboación da contorna e a produción marisqueira.
Baixura e marisqueo
"A situación de partida xa é perigosa porque hai unha diminución do vento de nordés, hai menos afloramento, menos alimento e, consecuentemente, menor renovación das augas interiores da ría, co cal a contaminación é máis persistente". Para rubido, esta é unha realidade coa que hai que lidar e "requiriría dunha administración que planificase en favor da recuperación do sector marisqueiro e non no sentido contrario ao interese xeral do conxunto da ría de Arousa e do sector tradicional de baixura, como está a facer".
