As medidas súmanse ás aplicadas desde as 15 horas de onte no ámbito da mobilidade, que queda fechada de forma perimetral, salvo por razóns xustificadas, até o día 3 de novembro, cando se reúne o comité clínico que asesora á Xunta sobre a xestión da pandemia para avaliar a ampliación ou modificación das normas.
No caso da comarca de Ferrolterra, a adopción de medidas a maiores xustifícase pola "clara tendencia ascendente" na incidencia do virus.
Destaca a Xunta, sobre todo, as taxas acumuladas nos últimos 14 días de Neda e Fene, ademais de Ferrol e Narón, con declaración de casos "diariamente" nos últimos 14 días, nos que a comarca mostra as taxas máis altas no grupo de idade de 20-24 anos, no que a infección pode ser asintomática, o que pode favorecer a difusión do virus se non se toman medidas.
Por outra banda, e segundo fan notar as Autoridades sanitarias, Fene, Neda, Narón e Ferrol son concellos "cunha convivencia moi estreita entre eles, tanto a nivel laboral como social". "Os catro municipios supoñen unha porcentaxe moi elevada da poboación atendida na área sanitaria de Ferrrol, o que suporía unha sobrecarga asistencial importante no caso de seguir aumentando o número de casos", argumentan.
Para a comarca de Compostela, a Dirección Xeral de Saúde Pública indica que a transmisión da Covid-19 "mantense" e que hai indicadores de brote "en niveis de alto risco" tamén, xunto co feito de que o grupo de idade no que se constatan as taxas máis altas correspóndese coa mocidade (20-24 anos).
A taxa acumulada a 14 de días de Compostela, xunto ás de Ames e Teo, dous municipios de convivencia moi estreita, "recomenda" manter as medidas de prevención específicas xa vixentes na capital galega, e a súa extensión a todo o concello de Ames (tamén estaban en vigor xa en Milladoiro) e a Teo, onde se detectaron novos casos de forma diaria nas últimas dúas semanas.
Tamén en Vimianzo houbo contaxios diarios durante os últimos 10 días, segundo esgrime a Xunta, que incide en que a taxa total da comarca de Terra de Soneira a tres, sete e 14 días alcanzou valores por enriba dos estimados para o conxunto da Galiza nestes momentos.
Medidas a 14 días
Estes municipios afrontarán, ademais, normas máis estritas para actividades de lecer, académicas, relixiosas ou deportivas, equivalentes ao nivel 3 desde este 1 de novembro, que se prolongarán, en principio, durante 14 días como mínimo.
No ámbito das celebracións, o DOG recolle que as posteriores ás cerimonias relixiosas e civís deberán respectar un máximo de 50 persoas en espazos ao aire libre ou de 25 en lugares pechados.
En academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado poderanse impartir clases de forma presencial sempre que non se supere a capacidade de 50% con respecto á máxima permitida.
En canto aos estabelecementos de hostalería, os restaurantes non poderán superar 50% da súa capacidade na zona do comedor para o servizo de comida. Ademais, nos bares e cafeterías non se poderá consumir no interior do local, só en terraza; e as terrazas ao aire libre dos locais de hostalería e restauración limitarán a súa capacidade a 50% das mesas permitidas.
En bibliotecas, museos, monumentos e outras infraestruturas culturais aplicarase un máximo de até cinco persoas nas actividades dos grupos, sexan ou non conviventes, incluído o monitor ou guía, e deberán establecerse as medidas necesarias para buscar a distancia de seguridade entre persoas durante desenvolvemento da actividade, excepto no caso de conviventes.
Así mesmo, en cinemas, teatros, auditorios, circos e espazos similares será de aplicación un límite máximo de 30 persoas para lugares fechados e de 75 se se trata de actividades ao aire libre.
Segundo recolle a nova orde sanitaria, a práctica de actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico, sempre que todas as persoas do grupo sexan conviventes, sen contar, se é o caso, a figura de monitoraxe.
Nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva en grupos de até cinco persoas, sexan ou non conviventes, sen contar o monitor e sen contacto físico, e sempre que non se supere 50% da capacidade máxima permitida.
Tamén se poderán realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil cando estas leven a cabo ao aire libre, sempre que se limite o número de participantes a 50% da súa asistencia máxima habitual, con máximo de 50 participantes, incluídos monitores. En espazos fechados, o máximo será de 25 participantes.