Apuntan á intencionalidade do fogo da Caniza, que segue activo e xa arrasou 300 hectáreas
O incendio forestal declarado na parroquia do Couto, no municipio da Caniza (A Paradanta), permanecía activo ao feche desta edición e acumulaba xa unha superficie queimada de 300 hectáreas. A Consellaría do Medio Rural confirmou que se orixinou en cinco focos distintos de forma case simultánea, o que apunta a “unha clara intencionalidade”. O lume mantén activo o nivel de alerta malia que sen perigo para vivendas. As condicións meteorolóxicas e a rápida propagación obrigaron a activar a situación 2 de emerxencia e o sistema ES-Alert por primeira vez no país.
O incendio comezou ás 16.23 horas da cuarta feira e chegou a ameazar o núcleo de Nogueiró, o que motivou o confinamento de sete lugares da zona: O Castro, O Chan do Val, A Portela, Portaleiras, Castiñeiro Longo, Barreiros e A Castiñeiro. Este confinamento, comunicado mediante o sistema ES-Alert, que fixo soar os móbiles da zona, foi levantado na mañá da quinta feira, aínda que se mantén a vixilancia.
As condicións do terreo, o vento e as altas temperaturas dificultaron desde o inicio as tarefas de control. Segundo fontes de Emerxencias, a orografía da zona complicou especialmente os accesos por terra, obrigando a centrar boa parte dos esforzos na extinción aérea. A intensidade do fogo fixo que se xeraran columnas de fume visíbeis desde varios quilómetros de distancia e que obrigaron a cortar estradas secundarias en varios tramos puntuais durante estas xornadas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou nunha visita á zona afectada que "a coordinación foi inmediata e o despregamento de medios, exemplar", ao tempo que insistiu en que "se investigará a fondo esta acción incendiaria para dar cos responsábeis”. E o alcalde da Caniza, Luis Piña, declarou que “é unha barbaridade o que avanzou en tan pouco tempo”, e agradeceu o apoio das administracións.
Con todo, desde o BNG, a deputada Montse Valcárcel atribuíu esta quinta feira a actual vaga de incendios forestais á “política de abandono do rural practicada polo Goberno do PP”. Valcárcel criticou que a xestión forestal e o ordenamento do territorio promovidos pola Xunta “non pasan de ser unha entelequia e unha operación de márketing”.
O dispositivo de extinción reforzouse ao longo da xornada e contou con 18 axentes, 31 brigadas, 20 motobombas, seis pas, oito técnicos, seis unidades técnicas de apoio, sete avións e 10 helicópteros. A isto súmanse 96 militares e 38 medios da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que traballan na liquidación e vixilancia do perímetro entre Nogueiró e Curuxeiras, empregando drons para detectar posíbeis reactivacións. A veciñanza colaborou activamente para facilitar os accesos ao operativo.
Outros incendios no país
Por outra parte, esta quinta feira quedaron estabilizados os fogos en Arbo (A Paradanta), con 8 hectáreas queimadas, e Carballeda de Avia (O Ribeiro), con 20 hectáreas, e están controlados os de Carballedo (comarca de Chantada), con 16 hectáreas; Meaño (O Salnés), con 60 hectáreas, e Tomiño (O Baixo Miño), con 27. E xa foron extinguidos os incendios de Bueu (O Morrazo), que afectou 0,47 hectáreas, e de Salvaterra (O Condado), con 47.
