Os incendios seguen a afectar o sur da Galiza nunha xornada en alerta amarela polas altas temperaturas
O lume obrigou a desaloxos en varios puntos e a cortar o tráfico ferroviario entre As Neves e Arbo. Nas últimas horas rexistrouse un novo incendio forestal, en Carballeda de Avia.
As altas temperaturas e o vento nordés foron nestas últimas horas elementos que marcaron os incendios que se están a producir no sur da Galiza e que levaron, algúns deles, como o de Cerdedo Cotobade (comarcas de Tabeirós-Terra de Montes e Pontevedra) a obrigar a desaloxar unha trintena de veciños. A xornada de hoxe vai estar marcada tamén pola alerta amarela decretada para a zona das Rías Baixas polas altas temperaturas.
Nas últimas horas desde o 085 notificouse un novo lume forestal, nesta ocasión no concello de Carballeda de Avia (O Ribeiro), na parroquia de Carballeda, que segundo as últimas estimacións provisionais supera as 20 hectáreas de superficie afectada.
Un incendio máis que se une á lista dos activos (se ben en diferentes estados) en diversas partes do sur do país. Entre eles está o de Meaño (O Salnés), que segundo informa a Xunta está controlado e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas.
A columna de fume resultante deste lume era perfectamente visíbel na xornada de onte desde diversos puntos das rías de Pontevedra e Arousa, o que incrementou a alarma entre os habitantes da zona.
Por outra parte, o servizo de emerxencias do 112 Galiza informou de que foi desactivada a 'Situación 2' do incendio forestal declarado esta terza feira en Arbo (A Paradanta), na parroquia homónima, que ameazaba vivendas nos núcleos do Pedreiro e O Urzal.
O incendio forestal en Arbo que se iniciaba ás 18.23 horas da pasada xornada e polo que foi necesario decretar a situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación. Unha situación operativa de emerxencia que, tal e como explicou a Xunta, foi desactivada ás 23.55 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, o incendio afecta unhas oito hectáreas e para a súa extinción mobilizáronse un técnico, catro axentes, 11 brigadas, sete motobombas e dous helicópteros.
Ademais, Adif informou que se atopa interrompida a circulación ferroviaria entre As Neves e Arbo, do traxecto Ourense-Vigo, por un incendio próximo á vía. Neste sentido, fontes da Consellería do Medio Rural confirmaron que se solicitou esta medida para facilitar o traballo na zona dos servizos de emerxencias que participan no operativo.
Por outra parte, en Tomiño (Baixo Miño), nesta pasada madrugada tiveron que ser desaloxados varios veciños e veciñas das súas casas, na parroquia de Piñeiro, pola proximidade do lume. O incendio está estabilizado.
Estabilizado permanece, após queimar unha superficie que Medio Rural estima nunhas 30 hectáreas, o incendio rexistrado en Salvaterra de Miño (O Condado), en Pesqueiras, que tamén obrigou na pasada xornada a activar a alerta por proximidade ás vivendas.
Por outra parte, grande parte do Norte de Portugal está hoxe en perigo máximo de incendio rural, segundo datos do Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera (IPMA). Esta previsión abrangue sobre todo os concellos dos distritos de Bragança e Vila Real, tocantes coa Galiza.
Temperaturas
O sur da provincia de Pontevedra xa nota nas primeiras horas da mañá desta cuarta feira as altas temperaturas que se esperan para a xornada e localidades como Mondariz (O Condado) xa superaban os 25 graos ás 10.30 horas. Así, tal e como recollen as estacións que Meteogaliza ten no territorio, outros municipios como Pazos de Borbén (comarca de Vigo), Baiona (comarca de Vigo), Ponteareas (O Condado) e Marín (O Morrazo) xa roldan tamén eses 25 graos.
Para esta xornada, Meteogalza mantén activo un aviso amarelo na zona do Miño de Pontevedra, así como no litoral da provincia por temperaturas máximas que poderían superar os 34 graos entre as 13.00 horas e as 21.00 horas. O Ministerio de Sanidade, a través de Meteosalud, decretou nivel de risco alto e medio nos próximos días ante as elevadas máximas de ata 35 graos nas zonas das Rías Baixas e no Miño de Pontevedra.

