José Picallo, titular da Casa do Morcego: "Apostamos por un turismo rural que sexa sostíbel e familiar"
—Cando e como xorde a idea de crear este espazo?
A idea parte tempo atrás, polo ano 2000, porque nós eramos usuarios de turismo rural cando nos desprazabamos. Entón, comezamos a buscar unha casa para este tipo de estabelecemento. O problema foi que non había ningunha que reunise as nosas condicións... até 2005, cando atopamos esta, que inauguramos en agosto de 2008.
O que nos chamou foron as instalacións, xa que tiña cinco habitacións, e con posterioridade vimos que estaba perto do camiño de Santo Andrés de Teixido, o que supuxo un impulso para seguir co proxecto.
—Cal é o seu concepto de turismo rural?
Nós apostamos polo turismo rural sostíbel. Cando comezamos buscabamos o turismo familiar con produtos caseiros, baseándonos na comida tradicional, mais con alimentos de boa calidade e de proximidade. Co tempo, tivemos que adaptarnos ás novas demandas e deixar esa comida tradicional en prol de, por exemplo, os Outonos Gastronómicos. Por outra parte, pensamos nisto da sostibilidade a través da nosa horta, cos paneis solares para a auga sanitaria e a calefacción e, posteriormente, engadindo unha bomba de calor. Agora estamos intentando, se saen as axudas, meter enerxía fotovoltaica. E intentamos usar os mínimos envases de plástico e incidimos na reciclaxe tanto en empregados como en clientes.
—Por que comezan no Outono Gastronómico?
Empezamos porque, aínda que nos gustaba a idea, non podiamos ir polas crianzas, e decidimos facelo nós. Levamos 13 anos e estamos contentos, primeiro porque temos unha vantaxe ao ter un chan radiante, polo que xa quenta todas as habitacións, e porque imos tendo ocupación, sobre todo os sábados. Procuramos manter a nosa filosofía e que sexa todo produto de quilómetro 0, de agricultores de proximidade... aínda que cambie a nosa cociña, e ademais é un requirimento ter algúns produtos con Denominación de Orixe.
—Promoven actividades socioculturais aproveitando a contorna?
Temos empresas de turismo activo, de sendeirismo no mesmo camiño de Santo Andrés de Teixido ou nunha vía ferrata que hai aquí, ás que ofertamos poder ir. Hai tamén unha zona de surf que usan algúns clientes afeccionados e moitas praias perto. Despois, promovemos e axudamos a recuperar as tradicións coa asociación de veciños de Porto do Cabo. Había un grupo de mulleres ás que chamaban as caldupeiras que facían o caldo para os romeiros, quixemos promover a cultura a través de historias coma esta e difundimos a actividade que leva a cabo a asociación de veciños.
—E por que decidiron ofrecer Nós Diario na súa casa rural?
Creo que é un xornal independente que di o que ten que dicir, ou o que non tratan outros periódicos. Por experiencia, cando vén xente á casa en outono, cando son a maioría da Galiza, realmente o len e moitos se sorprenden porque non o coñecían, e ven que publica cousas ás que non se lles dá voz.
A contorna
Os arredores da casa de turismo rural xogan un papel importante no seu atractivo. Principalmente a proximidade co camiño de Santo Andrés de Teixido, que como di José Picallo foi un "impulso para seguir co proxecto". Ademais, promóvense moitos roteiros pola natureza da contorna e é un lugar idóneo para visitar o norte da Galiza. Na súa páxina fai referencia a varios puntos de interese como Cedeira, Ferrol e Ortigueira onde desfrutar da cultura e da gastronomía. Por outra parte, localízase perto de varias praias, destacando Vilarrube, A Frouxeira e Pantín, para desfrutar da natureza, da fauna e de deportes marítimos coma o surf.