As analíticas encargadas pola empresa concesionaria da rede de abastecemento de auga de Betanzos (comarca das Mariñas), onde se detectou un gromo de gastroenterite, confirmaron a presenza de "restos fecais, de orixe humana, con presenza de Norovirus" en augas do río Mendo.
Así o informa o consistorio que explica que as tomas foron recollidas "durante a noite do pasado día 13 e a mañá do 14 cando se produciu a última vertedura detectada ao río Mendo". Ao mesmo tempo, asegura que se trata "do mesmo virus que ocasionou o gromo de gastroenterite e polo que a auga da rede de abastecemento segue sendo non apta para o consumo".
En consecuencia, engade, os resultados destas análises elaboradas polos laboratorios 'Labaqua' serán achegados á denuncia que presentará o Concello de Betanzos no xulgado para que se investigue "a vertedura que foi detectada polos servizos de control e seguimento de Viaqua na zona de captación de auga".
Da mesma maneira, o consistorio está á espera de que Augas da Galiza, que tamén recolleu mostras ese día, "informe sobre os resultados das súas análises". "Entendemos que non variarán das realizadas polos laboratorios que fixeron a analítica para Viaqua", puntualiza.
Consellaría de Sanidade
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo que a Xunta da Galiza descoñece a orixe do gromo de gastroenterite e continúa realizando as "medidas correspondentes" para determinar se a auga é apta.
A preguntas dos e das xornalistas sobre este asunto nun acto na Coruña, García Comesaña explicou que o Goberno galego continúa facendo análise de auga "na rede [de abastecemento] e no río" para darlle "recomendacións e instrucións ao Concello na súa competencia de subministración de auga".
O titular de Sanidade quixo transmitir á veciñanza de Betanzos que "a Xunta até o momento que teña a seguridade de que a auga está en condicións adecuadas dirá o contrario".