480.000 fogares chegan con dificultade ou moita dificultade ao final do mes
O ano antes da pandemia da Covid-19 (2019) a porcentaxe de fogares galegos que afirmaban que rematar o mes lles supuña "dificultade ou moita dificultade" era de 40,7%, mentres que aqueles aos que finalizar o mes non lles implicaba maiores problemas económicos eran 59,3%. Desde entón, e até o de agora, ese mapa variou. As familias que recoñeceron que dificilmente rematan o mes son xa 43% (480.000 fogares, tres puntos máis que en 2019), mentres que as que se sitúan no outro extremo son agora 636.000 (tres puntos menos que antes da Covid-19).
Os datos, relativos ao feche de 2025, foron publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatísticas dentro da súa Enquisa Conxuntural a Fogares. As familias "con dificultades ou moita dificultade" para rematar o mes descenderon a respecto de 2024 (entón eran máis de 46%), mais están por riba dos fogares que afirmaban ter esa problemática en 2023, 2020 e 2019. En 2022 a porcentaxe foi practicamente igual que en 2025 (43,3%).
Medidas adoptadas
O IGE rexistra como 18,80% (case dous de cada 10) dos fogares galegos non se permitiu ningún extra durante os tres últimos meses. Considéranse como extra, explica o instituto, os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa ou calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear, ir ao cine…
Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar. Ademais, durante o cuarto trimestre do ano pasado, 21,13% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra mercando marcas brancas, produtos en oferta etc. Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagamentos nese período. A isto hai que engadir que 11,49% dos fogares galegos diminuíu outros gastos comúns (como roupa e calzado, transporte, gas, electricidade etc.), agás alimentación.
Atrasos nos recibos de obrigado cumprimento
En relación aos fogares que tiveron algún atraso no pago de recibos de obrigado cumprimento nos últimos tres meses, a porcentaxe aumenta de 1,17% a 2,24% do terceiro ao cuarto trimestre do ano 2025. Un dato especialmente salientábel, pois os recibos de obrigado cumprimento refírense a facturas ou comprobantes de pagamento de servizos ou impostos que son obrigatorios por lei, como a taxa de residuos –o recibo do lixo– ou os recibos relativos ao aluguer, por exemplo.
O indicador de confianza do consumidor (ICC), un índice que vai nunha escala de -100 a 100 (sendo -100 a total desconfianza e 100 a total confianza) e que mide o grao de optimismo das persoas consumidoras, situouse ao fechamento do ano pasado en -14,47 puntos, o que representa 1,46 puntos menos que no trimestre anterior. Pola súa parte, o indicador de sentimento do consumidor (ISC) tamén baixou comparándoo co anterior trimestre. A puntuación que os fogares deron á situación financeira persoal descendeu de -11,49 no terceiro trimestre a -12,40 no último (en escala de 100 a -100).
No último trimestre de 2025, ademais, diminuíron tamén os catro indicadores parciais de perspectivas de evolución do indicador de confianza do consumidor (ICC): a situación financeira persoal (-0,32), o desemprego (-0,65), a situación económica na Galiza (-2,36) e a capacidade futura de aforro (-2,49).
Segundo os datos publicados o pasado mes de marzo polo IGE, a remuneración das persoas con traballo asalariado representou na Galiza en 2023 —último ano con este dato dispoñíbel— 46% dos ingresos totais dos fogares, a porcentaxe máis baixa da serie histórica. Un retroceso que pasou a ser ocupado por outro tipo de ingresos, nomeadamente as prestacións sociais.


