Os efectos económicos da pandemia séntense no interior das casas galegas, segundo amosa a última Enquisa Estrutural a Fogares realizada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para o terceiro trimestre de 2020. Un dos factores que analiza a enquisa é a capacidade dos fogares para chegar a fin de mes. Actualmente, máis da metade dos fogares dan conta das súas "dificultades" ou "moitas dificultades" para facer fronte a esa recta final do mes.
Porén, percíbese unha leve melloría respecto do segundo trimestre do ano, que coincidiu cos meses do confinamento e da desescalada. Daquela, 46,89% dos fogares galegos declararon "dificultades", respecto aos 44,82% do terceiro trimestre. Non obstante, aínda queda un treito a respecto das cifras do terceiro trimestre de 2019. Entón, 37,15 dos fogares declararon teren "dificultades" e 5,22% "moitas dificultades".
Mellora da confianza
A enquisa tamén inclúe o indicador de confianza do consumidor, unha media simple dos resultados de preguntas relativas á situación económica futura do fogar, da capacidade de aforro ou da evolución do número de integrantes parados. Presenta valores que oscilan entre -100 e +100, sendo os resultados máis optimistas os que se aproximan ao punto máximo.
Nos meses do confinamento o informe do IGE reflectiu un abrupto descenso da confianza nas perspectivas económicas do país, que se situou en -75,20, as relativas ao desemprego, en -83,26, ou da capacidade futura de aforro, en -39,16.
As cifras aumentaron neste terceiro trimestre, cunha diferenza salientábel entre os fogares con menos ingresos, que son os que suman menos de 600 euros, e os que maior folgura económica comunican, con máis de 3.000 euros ao mes. No primeiro caso, estes fogares seguen a presentar un indicador de confianza moi baixo, de -52, 31 fronte á media galega de -37,7.
Porén, 43,7% dos fogares galegos notificaron que miraron polo seu peto e que non se permitiron ningún gasto extra nos pasados tres meses de verán, tampouco os destinados as vacacións ou a viaxes. A maiores, a medida económica máis habitual consistiu en mercar marcas brancas, agás no caso da alimentación, ou optar por produtos con algún tipo de desconto ou en oferta.