"Un mar de pequenos lumes". Así revelaba un home da vila de Neguá --Colombia-- o segredo da vida humana no relato asinado por Eduardo Galeano. A metáfora foi recollida polo Comité galego de solidariedade internacionalista para demandar o recoñecemento dos dereitos dos pobos no seu primeiro acto.
Coma pequenos fachos que alumean na "longa noite dos 500 anos" descrita por Emiliano Zapata, ducias de bandeiras simbolizaron a loita das nacións sen Estado que, coma Galiza, exixen o seu dereito á libre determinación.
Curdistán, Euskal Herria, Palestina, Bretaña, Escocia ou Catalunya. Pobos de aquí e de acolá --como o de Álvaro Cunqueiro-- mais cun dereito colectivo que os atinxe por igual. A soberanía nacional.
"Asístenos a razón e a lóxica", reclamaron @s asistentes no acto decorrido este sábado en Pontevedra. Fronte á forza e a dominación dos imperios, desde a iniciativa 'Mar de lumes' reivindicaron o dereito das nacións a se proclamaren "en xustiza" e a xuntárense "ao resto de Estados do mundo".
Con este pequeno acto o Comité galego de solidariedade internacionalista quixo "apresentar" a vontade "solidaria da organización" e chamar a atención sob "os dereitos colectivos de autodeterminación e soberanía".