#sermos194: As posesións dos Franco na Galiza

Falamos de como conserva a familia do ditador o seu patrimonio no noso país, entrevistamos Antón Losada e o grupo Gelria, viaxamos até o Couto Mixto, adentrámonos nas redes sociais e o seu impactono cotián... Todo isto e máis, neste número á venda xa na nosa loxa. 

O proceso de transición á democracia que seguiu á morte de Francisco Franco en 1975 foi benévolo, cando non condescendente, coa súa familia. Así, permitiu que o seu clan mantivese as súas respectivas posicións sociais e económicas de privilexio, tamén en Galiza. Unha cuestión que tratamos netse nº194 na reportaxe ' Un espolio en ditadura e democracia'.

As redes sociais e as aplicacións de mensaxería instantánea fan parte da nosa vida cotiá e a maior parte da poboación é a día de hoxe utente delas. Que mudanzas sociais introduciu o feito de podermos estar conectadas en tempo real durante as 24 horas do día? Unha pregunta para a que procuramos resposta en 'Redes Sociais: conectadas ou amarradas? '.

Tamén falamos de como representantes da CIG-Ensino participaron no 12º Congreso da FENPROF onde expuxeron a realidade educativa que atinxe o estudantado galego na actualidade e tamén o profesorado da Galiza.

SG194A Asociación Amigos do Couto Mixto solicitará aos gobernos da Galiza e Portugal que a poboación deste territorio poida contar coa dupla nacionalidade. Farao a instancias da nova Lei de Patrimonio mais tamén en lembranza a un dos privilexios dos que gozaban estas vilas arraianas até o século XIX. 'Couto Mixto, terra libre na raia entre Galiza e Portugal'.

“A nova política non é máis que unha marca comercial”

Entrevistamos Antón Losada. Profesor de Ciencias Políticas. Autor de best sellers como Código Mariano ou Piratas do Público. Agudo e aguerrido tertuliano. Ex alto cargo do goberno bipartito. “A nova política é unha marca comercial. E como cando nós eramos novos [entrevistador e entrevistado roldamos os 50 anos] e se dicía: os novos románticos, o tecno pop, o new age, e despois ías alí a escoitar e dicías: “pero se isto xa estaba nos discos dos Beatles, non?”.

O independentismo galego non se constrinxe ao ámbito daquelas organizacións políticas que se definen explicitamente independentistas, e que conforman un mapa diverso e heteroxéneo que vén de ser modificado pola vía da forza por unha sentenza da Audencia Nacional. Como fica o mapa do independentismo galego tras esa intervención de “patada na porta” da Audiencia Nacional?

'A ONU mantén o statu quo colonial no Sáhara Occidental'. A renovación da Minurso por un ano máis non garante a celebración do referendo, previsto para o ano 1992, nin a observación dos dereitos humanos. A misión volverá estar operativa nun prazo de 90 días, mais continuará sen atribucións para observar os dereitos humanos, que son sistematicamente violados por Rabat. As manobras militares do exército marroquino nos territorios ocupados ameazan con reiniciar o conflito armado.

Os e as comunistas cubanas apostan en aprofundar a actualización do modelo social e económico no marco do socialismo. Após o congreso as súas resolucións someteranse a un amplo debate e contraste na base. Falamos disto en 'Un congreso estratéxico'.

Como pasou Galiza de ser potencia eólica á parálise actual? Galiza pasou de ser un referente eólico en Europa a caer até o cuarto posto en produtores no Estado. No entremedio, perdeuse por volta do 80% dos postos de traballo existentes nun sector que aspiraba ser alternativa creadora de emprego e desenvolvemento. Un retroceso así neste sector non se deu en ningún outro lugar de Europa. 'A década que se foi co vento'.

En 'O sector da automoción' tratamos de como a automoción galega afronta retos nun contexto de crise.

Gelria

Gelria era un barco holandés no que navegou Manuel Antonio. E tamén un trío de dous galegos emigrados e unha catalá que veñen de irromper con forza no panorama do país para facer a súa particular interpretación musical de 14 poemas escollidos da literatura galega. E fano dándolle todo o protagonismo aos textos. Porque... a que soa un poema de Pimentel? E un de Chus Pato? Cóntannolo eles nesta entrevista. “Cando se pregunta pola música galega a xente limítase a falar da música de raíz ou popular e nós, que para ben ou para mal temos formación clásica, temos que dicir que en Galiza -aínda que hai xente á que non lle gusta escoitar istograzas ás dúas grandes orquestras tivemos a enorme sorte de recibir moitos músicos foráneos que viñeron aquí e que son os que nos formaron a nós, nos principios dos 90”.

Non falta neste número a crítica literaria de Mario Regueira, a de cinema de Andrés Castro ou a de teatro, de Manuel Xestoso. En Fóra de Serie, consellos, achegas,recomendacións... e a viaxe da man do colectivo Xea, desta volta para nos lembrar que tamén hai en Galiza áreas de clima mediterráneo e solos calizos, onde chove pouco e abundan as aciñeira.

E da man de Felipe Senén imos cara ao antigo colexio xesuíta do lugar da Pasaxe en Camposancos, baixo o monte sacro do Tegra, mesmo a carón do porto do transbordador que atravesa a barra do Minho cara a Caminha. Foi seminario, campo de concentración e pardiñeiro de historia. E na contra-capa, a selfie.entrevista a Anxos Sobriño, presidenta da CTNL. 

Máis en Só en papel
Comentarios