#sermos162: Un país en defensa de si propio

Masivas tractorada e mobilización pola sanidade pública. A Garda Civil que se nega a atender solicitudes en galego. A unidade prender no estudantado soberanista,... Todo isto e máis, neste número, xa na nosa loxa.

capa

O 162 de Sermos Galiza xa nos quioscos,librarías e na nosa loxa. Coa tractorada e a manifestación de Vigo en defensa da sanidade pública como temas centrais, dúas mobilizacións vivas que amosan o pulso do pobo galego.

'O rural galego, fronte á súa batalla máis determinante'. Miles de tractores a bloquear durante días Compostela e a manter a pé da Muralla de Lugo o facho das reivindicacións leiteiras. Imaxes destacadas dun conflito no que se involucran persoas con nome e apelido que, coinciden, son conscientes de que o que está en xogo non afecta só os gandeiros.

'A área de Vigo planta cara áprivatización sanitaria da Xunta'. Unha manifestación multitudinaria evidencia o profundo malestar de miles de doentes do novo hospital de Vigo, que desde a súa apertura acumula deficiencias e polémicas, asociadas ao novo modelo de xestión e as urxencias da empresa concesionaria por sacar rendibilidade do centro sanitario.

'Podemos dá por feitas as dúas listas'. A dirección de IU no conxunto do Estado, disposta a disolverse nas candidaturas da formación de Pablo Iglesias e a mesmo darlle un papel subalterno ao seu líder, Alberto Garzón.

'O ensino vivo, a semente que abrolla'. Semente Trasancos abrirá en outubro en Narón as portas do seu propio espazo educativo. Falamos do proxecto neste semanario.

Un veciño de Gondomar, Xosé Luís A., veu como en reiteradas ocasións lle ordenaban falar en español e non en galego para que a súa solicitude fose atendida polo instituto armado. Negouse a cambiar de idioma e a petición ficou sen cursar. Contamos o caso en 'A Garda Civil négase a atender unha solicitude por ser en galego'.

En 'A unidade prende no estudantado nacionalista' falamos como a través do proceso Asembleas de base, Comités, Liga e Agir encetan o camiño cara á construción dunha organización estudantil unitaria. E neste número tamén tratamos como O operativo sanitario que actuou no grave accidente de Carral, que se saldou o pasado 5 de setembro con sete persoas falecidas e once feridas, non puido contar co apoio dun helicóptero do 061 por mor do recorte de horarios impostos pola Consellaría de Sanidade neste servizo. A CIG denuncia que este caso é un exemplo máis das consecuencias dese retallamento que deixa descubertas zonas do país durante horas.

'As lavandeiras do Marianne'. É o título da crónica completa de Ana Miranda sobre a súa travesía na 'Flotilla da Liberdade' de apoio a Palestina.

En 'Cruzar o mar ou morrer aos poucos', Segundo os datos da Organización Internacional para as Migracións (OIM) máis de 350.000 persoas cruzaron o Mediterráneo, para o norte, entre xaneiro e xullo deste ano. Delas, case 3000 non chegaron a ningures.

Entrevistamos Begoña Fernández, ex-xogadora de balonmán."Do que máis orgullosa me sinto é de ter comezado desde abaixo". En Viaxes na Miña Terra visitamos da man do colectivo Xea Valdoviño e Punta Frouxeira. E aínda hai máis, As dúas últimas citas do verán musical: o Reperkusión e o Festival de la Luz. E en 'Andrés Do Barro, o tren que desencarrillou prematuramente' falamos do cantante ferrolán. E de música, a volta dos Resentidos na nosa contra-capa.

E os artigos de Antón Losada, Xavier Queipo, Luz Darriba. E os nosos críticos Mario Regueira, Andrés Castro, Olga Brañas e Heitor Picallo.

Máis en Só en papel
Comentarios