Yolanda Díaz recoñece diferenzas políticas entre EU e Anova

A coordenadora nacional de Esquerda Unida e deputada de En Marea no Congreso optou por responder ás críticas de Beiras amosando a súa "admiración" pola súa figura. 

Yolanda Díaz_En Marea
photo_camera Yolanda Díaz [Imaxe En Marea]

Yolanda Díaz respondeu aos ataques lanzados por Xosé Manuel Beiras na entrevista concedida a Aida Pena este domingo na Cadena Ser amosando o seu "respecto" e "admiración" pola figura do líder de Anova e parlamentar no Pazo do Hórreo. Así as cousas, a coordenadora nacional de Esquerda Unida recoñeceu que exiten "diferencias" políticas entre ambas as dúas formacións e que non partillan a estratexia de Anova. 

Esquerda Unida defende a concorrencia nas eleccións de xuño como coligazón e Anova como partido instrumental

En síntese, mentres a formación de Beiras defende concorrer aos comicios do 26-X como partido instrumental para garantir a creación dun grupo parlamentar galego nas Cortes españolas, Esquerda Unida apela a unha mudanza na "correlación de forzas" do Congreso para que se faga unha outra leitura do Regulamento da Cámara que permita a conformación do devandito grupo mesmo facendo parte del formacións que non competiron electoralmente nos comicios. 

Antón Sánchez defendeu que o acordo que deu lugar a En Marea sexa sometido á consideración das bases

Esas diferenzas, dixo Díaz, son lexitimas e "hai que resolvelo". Porén, esta segunda feira o deputado de AGE e membro da Coordenadora Nacional de Anova, Antón Sánchez, foi un paso alén e reclamou o sometemento a consideración das "bases" de En Marea o Manifesto de Mazarelos, isto é, o acordo tripartito (EU-Anova-Podemos) que deu lugar á coligazón electoral. 

En resposta aos medios de comunicación, segundo recolle Europa Press, Sánchez asegurou que serán esas persoas as que deben determinar se cómpre "cambiar algo ou non". 

Comentarios