Xuntos e PSOE formalizan no Irixo a primeira moción de censura após o 28-M para arrebatar o poder ao PP

O bastón de mando será nos tres anos para a candidata de Xuntos, Susana Iglesias, e o restante para o líder socialista, Iago Fariñas.
Iago Fariñas e Susana Iglesias (Foto: Nós Diario).
photo_camera Iago Fariñas e Susana Iglesias.

Xuntos polo Irixo e PSOE formalizaron esta sexta feira a presentación da primeira moción de censura deste mandato, menos de dous meses despois da toma de posesión dos rexedores posterior ás eleccións municipais do 28 de xuño, e coa que, previsibelmente, arrebatarán o bastón de mando ao actual alcalde, Manuel Cerdeira (PP), neste municipio da comarca do Carballiño.

Ambas as formacións anunciaran esta mesma semana que presentarían unha moción de censura ao entender que os veciños "apoian maioritariamente un cambio" na Alcaldía, posto que Cerdeira, do Partido Popular, volveu tomar posesión como rexedor o pasado 17 de xuño, pero en minoría, co apoio de catro edís fronte ao cinco que suman Xuntos (tres) e PSOE (dous).

Antes da toma de posesión de xuño non foi posiíbel alcanzar un acordo que agora si se fraguou cunha repartición do bastón de mando de tres anos para a candidata de Xuntos, Susana Iglesias, e o restante para o portavoz socialista, Iago Fariñas. Na exposición de motivos para levar a cabo a moción de censura as dúas formacións inclúen catro puntos, situando e primeiro termo que non houbo apoio maioritario para que Manuel Cerdeira fose alcalde do Irixo "como si sucedía nos últimos anos co seu antecesor".

En segundo termo recálcase que o alcalde se atopaba "nunha situación de minoría" que "non lle vai a permitir gobernar en beneficio dos veciños", incidindo na "imposibilidade" de constituír unha Xunta de Goberno local na última sesión plenaria de organización do Concello. Así mesmo, sinalan que a actual situación "é o resultado da nefasta xestión do actual alcalde e o seu grupo de goberno", aos que acusan de haber "abandonando" a atención aos veciños de Irixo e as súas necesidades.

Así pois, conclúen que os veciños "non se merecen" un rexedor e un goberno municipal que "herdaron a oportunidade de traballar" e, no seu lugar, "preferiron pasear e viaxar a Madrid e outros lugares", "a feiras e mercados" no canto de "visitar e arranxar" os pobos do Irixo, polo que considera necesario "cambiar a situación" e aseguran que traballarán para ofrecer "outras posibilidades e atencións".

Esta é a primeira moción de censura que se produce na Galiza após as pasadas eleccións municipais do 28 de maio, cando aínda non se cumpriron dous meses da toma de posesión dos rexedores posteriores aos comicios.

Chegará ao pleno municipal no próximos dez días. Cando a moción se debata, o PP perderá o goberno da localidade ourensá, que dirixía desde que en 1995 o anterior alcalde, Manuel Penedo, pasou de Centristas de Galicia ás filas do PP, con quen mantivo a maioría absoluta até o seu falecemento en 2019, cando Manuel Cerdeira asumiu á alcaldía por primeira vez.

Comentarios