Política

A Xunta prepárase para "garantir a recuperación" da débeda do Estado con Galiza "o máis cedo posíbel"

Os servizos xurídicos do Goberno galego dan conta da súa acción a instancias do BNG no Parlamento.
O presidente do Goberno galego con Pedro Sánchez na feira do turismo Fitur, en Madrid (Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno galego con Pedro Sánchez na feira do turismo Fitur, en Madrid (Europa Press).

Os servizos técnicos e xurídicos da Xunta ultiman "o medio máis adecuado" para "garantir a recuperación" do diñeiro que o Estado debe a Galiza "o máis cedo posíbel", segundo destacou onte o director xeral de Planificación e Orzamentos, Miguel Corgos. "Poderá ser unha nova carta, un requirimento administrativo, xudicial ou mesmo enviarlle á ministra (en referencia á de Facenda, María Jesús Montero) o gaiteiro do moroso", manifestou na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos.

En resposta a unha pregunta formulada polo Bloque Nacionalista Galego, Corgos denunciou o "enriquecemento ilícito" por parte do Goberno estatal cos fondos dos territorios e criticou que nin esta "apropiación indebida" lle sirva a Pedro Sánchez para cumprir os "obxectivos de estabilidade".

Todo iso despois de que a deputada do BNG Noa Presas se interesase pola estratexia que levará a cabo a Xunta para reclamar a débeda ao Estado e instase o Goberno de Feixoo a "pasar da queixa e do salouco" á acción e acudir aos tribunais. "Pedímoslle un pouco de seriedade e que se poñan as pilas", incidiu Noa Presas nunha intervención na que avogou por aspirar a que Galiza teña "máis capacidade" e poida "xestionar os seus impostos". A nacionalista  lembrou que o PP, hai catro meses, votou en contra dunha iniciativa do BNG que instaba a Xunta a acudir aos tribunais "pero non se atreveron por se o seu xefe, o señor Casado, gobernaba e como non foi así, agora amagan con acudir á xustiza".

Na súa quenda de réplica, Miguel Corgos subliñou que a actuación da Administración galega é "coherente" e pasou até o momento pola proposta de "solucións" que fixesen "posíbel o pago das cantidades debidas" sen recorrer a un "contencioso".

Tamén interveu na Cámara o director Xeral de Política Financeira, David Cabañó, quen asegurou que a "situación anómala" que supón a "falta de pagamento dos importes do sistema de financiamento" está "a afectar á tesouraría" da Galiza. Cabañó referiuse aos 200 millóns do IVE de 2017 e ao "atraso no pago da actualización das entregas a conta de 2019", e advertiu de que esta situación se "volverá vivir en 2020".

Pola súa banda, o presidente da Xunta insistiu na feira do turismo de Madrid, Fitur, no "furto" a Galiza e en que Sánchez emprega "diñeiro que non é seu para os seus compromisos electorais". Ademais, advertiu que "sería ridículo" acudir á Audiencia Nacional por isto.

Comentarios