Crise dos pellets

A Xunta visita Ribeira, primeiro concello que alertou dos pellets, e ignora o Goberno local

"Nin nunha crise ambiental como a que vivimos tiveron a decencia de avisar o Goberno local para tratar de unir esforzos e coordinar a retirada do material contaminante da costa", denuncia Luís Pérez Barral.
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, hoxe, en Ribeira. (Foto: TVG)
photo_camera A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, hoxe, en Ribeira. (Foto: TVG)

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, desprazouse esta segunda feira até Ribeira (O Barbanza) para coñecer de primeira man o alcance da afección dos pellets de plástico aos seus areais e asegurar ante os medios que estes materiais que levan semanas aparecendo en diferentes praias de todo o país "nin son tóxicos, nin perigosos". Unha afirmación que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, exixiu contrastar facendo público o informe que o acreditaría e remitíndoo posteriormente ao Parlamento da Galiza.

Vázquez aproveitou esta visita oficial para informar de que a Xunta non prevé activar o nivel de alerta do Plan de Continxencias de Contaminación Mariña da Galiza (Camgal) e cargar, máis unha vez, contra o Goberno estatal, que insiste en que precisa que San Caetano "prema o botón" para despregar os medios de emerxencia precisos para atallar esta crise ambiental. "Se a disculpa que teñen é non pór medios, o mellor que poden facer é ser claros", reprochou, ao tempo que pediu "non enlamar" o terreo desde Moncloa.

Ribeira foi precisamente o primeiro concello en recibir os sacos de pellets coa inscrición da compañía polaca Bedeko Europe o pasado 13 de decembro e ao día seguinte, aseguraron desde o Goberno local a Nós Diario, trasladaron un informe á Xunta, que agora insiste en que non tivo coñecemento do sucedido até a pasada semana. E a pesar do "grave desastre ambiental" que enfrontan este e moitos outros municipios costeiros do país, lamenta o alcalde ribeirán, Luís Pérez Barral, a conselleira non avisou da súa visita.

"Nin nunha crise ambiental como a que vivimos tiveron a decencia de avisar o Goberno local para tratar de unir esforzos e coordinar a retirada do material contaminante da costa", denuncia, ao tempo que insiste en que nas últimas semanas estiveron "afrontando en solitario a chegada de sacos e millóns de boliñas de plástico que se espanden polas praias".

Non é a primeira vez que a Administración galega, e máis concretamente a conselleira Ánxeles Vázquez, organiza un acto oficial da Xunta nun municipio non gobernado polo PP ao que non convida as autoridades locais, malia tratarse dun asunto que afecta directamente o concello. O pasado mes de xullo, ás portas das eleccións estatais, o rexedor de Ribeira criticáraa tamén por este proceder: "É sorprendente que a Xunta non nos comunique estas visitas nin convide ao goberno de todos os veciños e veciñas de Ribeira pero si conviden aos membros do PP local".

Porén, engade Pérez Barral, a través das redes sociais, reprocha agora, en relación coa actual 'crise dos pellets': "Somos un pobo forte e desde aquí vos digo que non deixaremos de traballar e de esforzarnos para protexer a nosa costa, o noso medio natural e a nosa flora e fauna, aínda que teñamos que facelo en solitario e coa única axuda das persoas voluntarias, mentres quen debería ocuparse deste problema ambiental decide mirar para outro lado".

Comentarios