A Xunta nega a participación de Beatriz Mato na tramitación de eólicos de Greenalia

O PSdeG acusa o Executivo de "provocar inseguridade xurídica".
Xuntanza da comisión 2ª sobre Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, esta sexta feira no Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera Xuntanza da comisión 2ª sobre Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, esta sexta feira no Parlamento galego. (Foto: Parlamento da Galiza)

O director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández Vila, negou esta sexta feira, 30 de xuño, ante o Parlamento galego, na comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, calquera tipo de participación da ex conselleira da Xunta da Galiza, Beatriz Mato, na tramitación de proxectos eólicos de Greenalia, empresa da que agora é directiva e o que para o PSdeG supón unha "porta xiratoria".

"Escoitar esas declaracións podería considerarse unha falta de respecto. Non, a ex conselleira Beatriz Mato non participou en ningunha tramitación. Os expedientes de Greenalia son examinados por persoal técnico", aseverou o director xeral.

Doutra banda, o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, responsabilizou o Goberno galego de "provocar inseguridade xurídica" ao autorizar polígonos eólicos en base a Declaracións de Impacto Ambiental (DIA), "que omiten a normativa e provocan a súa paralización polo TSXG.

“Malleira xudicial”

O socialista apuntou á Consellaría de Medio Ambiente como principal responsábel da "malleira xudicial" que reciben por parte do alto tribunal galego "ao omitir a normativa ambiental elemental".

Mencionou tamén os polígonos situados na reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas - Terras do Mandeo, en plena zona de protección, "cun impacto ambiental elevado" pero que conseguen a DIA favorable.

O director xeral, pola súa banda, defendeu o traballo dos técnicos, que se cinguen a procedementos de acordo á lei. Así, lembrou que dos parques autorizados, reduciuse a potencia en 24. En total, reducíronse máis de 1.150 megawatios tras a avaliación ordinaria.

Nesta liña e en canto a Greenalia, remarcou que dos 15 proxectos declarados, hai oito en plena tramitación e dos sete restantes, un deles xa obtivo unha DIA negativa. "Ese proxecto non se desenvolverá", afirmou, lembrando ademais que Greenalia ten un total de 10 declaracións desfavorables.

Comentarios