A Xunta mudou a lei e autorizou a planta de biomasa do grupo Greenalia

A planta de biomasa de Teixeiro (Curtis) é un dos grandes negocios da empresa enerxética Greenalia. A súa posta en funcionamento non estivo exenta de polémica, procedendo a Xunta da Galiza a cambiar a normativa para poder autorizala. 
Planta de biomasa de Greenalia en Teixeiro (Curtis), operativa desde o pasado ano (Foto: Salva la Selva).
photo_camera Planta de biomasa de Greenalia en Teixeiro (Curtis), operativa desde o pasado ano (Foto: Salva la Selva).

20 de xaneiro de 2020 entraba en funcionamento a central de biomasa de Greenalia no parque empresarial de Teixeiro, no concello de Curtis. Segundo sinala a compañía, a planta dispón dunha potencia instalada próxima a 50 megawatts, unha capacidade de xeración de 325.000 megawatts por hora ao ano e produce electricidade para abastecer o consumo dunha poboación de 300.000 habitantes.

Greenalia indica que o complexo de biomasa de Teixeiro (Curtis) é capaz de procesar anualmente medio millón de toneladas de biomasa forestal, procedente de cortas realizadas até a 100 quilómetros de distancia da factoría. Neste sentido, a planta ocupa directamente perto de 40 persoas e, indirectamente, nos traballos de recollida de restos forestais, outros 100.

A compañía eléctrica aseguraba no momento de posta en funcionamento da planta que esta “xerará unhas vendas anuais de 37 millóns de euros e un EBITDA [indicador que marca o beneficio antes de intereses, impostos, depreciacións e amortizacións] superior a 17 millóns, e suporá uns ingresos recorrentes de máis de 1.050 millóns de euros ao longo de 25 anos pola venda de enerxía eléctrica e de 340 millóns pola subministración de biomasa forestal para Greenalia Forest, filial do grupo”. 

As orixes desta central remóntanse a 2009. Naquela altura, Renova Generación de Energías Renovables S.L. -compañía onde exercía de apoderado Manuel García Pardo, primeiro accionista de Greenalia- conseguía unha concesión do Goberno bipartito da Xunta da Galiza para instalar unha planta de 10 megawatts no parque empresarial de Teixeiro (Curtis).

Renova Generación de Energías Renovables S.L. presentou  en 2016 unha proposta para erguer unha central eléctrica de biomasa cunha potencia de 50 megawatts en Teixeiro (Curtis). O proxecto non tardou en recibir alegacións dos colectivos ecoloxistas, que denunciaban que a planta superaba o máximo legal de potencia autorizada pola lexislación.

A proposta de Generación de Energías Renovables S.L. carecía de encaixe legal na normativa galega. O proxecto incumpría o disposto no decreto 149/2008, que estabelecía un tope de potencia para cada unha das plantas de biomasa forestal dun máximo de 10 megawatts, 40 megawatts menos que os recollidos no proxecto presentado. Asemade, fixábase unha potencia total para o conxunto da Galiza de 80 megawatts para esta tecnoloxía de xeración.

Un cambio legal impulsado polo PP permitiu, finalmente, autorizar a planta de biomasa de Greenalia en Teixeiro (Curtis). Así, o grupo parlamentario do Partido Popular promoveu un cambio normativo mediante a Lei de medidas fiscais e administrativas  de 2016, a coñecida como  Lei de acompañamento dos orzamentos, modificando o disposto o Decreto 149/2008 e permitindo centrais de biomasa sen límite de potencia. Beatriz Mato, actualmente directiva do grupo Greenalia, votou a favor deste cambio lexislativo.

Mato exercía naquela altura de conselleira de Medio Ambiente, departamento da Xunta que emitiu informes para evitar que o proxecto da planta de biomasa non tivera que "someterse ao proxecto de avaliación do impacto ambiental común".

Axudas europeas

Greenalia contou con financiamento da Unión Europea para poder acometer o investimento da planta de biomasa de Teixeiro. Concretamente, o Banco Europeo de Investimentos concedeulle en xullo de 2018 un crédito en condicións vantaxosas de 50 millóns de euros, dentro do marco do denominado  Plan de investimentos para Europa, popularmente denominado Plan Juncker.

O crédito do Banco Europeo de Investimentos a Greenalia foi denunciado por diversas entidades ecoloxistas. Nesta dirección, o colectivo Salva a Selva denunciou que a planta incumpre a Directiva 2010/75/da UE, que obriga a unha eficiencia enerxética mínima de 33,5%, cando a factoría de Teixeiro declara unha eficiencia enerxética de 28%. Aliás, a ONG considera que a instalación estaría incumprindo a Directiva europea de Emisións Industriais.

Comentarios