A presidenta de Kosovo anuncia que solicitará a adhesión á UE antes de final de ano

Enviará a súa solicitude antes de fin de ano e espera o apoio total dos Estados membros
A presidenta de Kosovo Vjosa Osmani o pasado mes de xuño en Austria. (Foto: Roland Schlager / APA / dpa).
photo_camera A presidenta de Kosovo Vjosa Osmani o pasado mes de xuño en Austria. (Foto: Roland Schlager / APA / dpa).

A presidenta de Kósovo, Vjosa Osmani, anunciou hoxe desde Albania, onde ten lugar a reunión entre líderes da Unión Europea e dos Balcáns, que Pristina -capital de Kosovo- formalizará antes de final de ano a súa solicitude para entrar no bloque.

En declaracións ante o cumio UE-Balcáns esta terza feira en Tirana, a presidenta kosovar reafirmou a intención de Pristina de solicitar unirse ao club comunitario antes de 2023.

"Vou anunciar diante dos líderes da UE que Kosovo enviará a súa solicitude para a súa adhesión á Unión Europea antes de que remate 2022 e agardamos o apoio total dos Estados membros", asegurou.

Compromiso cos valores da UE

Osmani insistiu en que o territorio, que declarou a súa independencia de Serbia en 2008, ten un compromiso firme coa UE e os seus valores, deixando claro o seu aliñamento total coa política exterior do bloque, nun ataque velado a Belgrado, que non se sumou ás sancións europeas contra Moscova pola guerra en Ucraína.

O Estado español é un dos cinco da UE que non recoñece a independencia de Kosovo

O feito de que a independencia de Kosovo non sexa recoñecida por cinco estados membro, entre eles o Estado español, complicou durante estes anos o debate sobre a súa integración europea.

Aínda que se están dando pasos como a exención de visados para os cidadáns kosovares pactada polos 27 recentemente e pendente dun acordo final, as expectativas comunitarias de Kosovo están ligadas aos avances no diálogo con Serbia que facilita a UE e que busca un acordo vinculante e aceptado polas dúas partes para normalizar as súas relacións.

Comentarios