A lei non contempla a mudanza do plan industrial eólico concedida a Greenalia

A Xunta "eximiu" a enerxética de pagar 11,7 millóns polos proxectos de Lamas e Campelo.
O CEO de Greenalia, Manuel García, e Beatriz Mato, ex titular de Medio Ambiente na Xunta e actual conselleira da enerxética (Foto: Europa Press).
photo_camera O CEO de Greenalia, Manuel García, e Beatriz Mato, ex titular de Medio Ambiente na Xunta e actual conselleira da enerxética. (Foto: Europa Press)

O 21 de xullo de 2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais aceptaba a modificación do plan industrial asociado aos parques eólicos de Campelo (Coristanco) e Lamas (Baltar) formulada por Greenalia. A Xunta da Galiza “eximía” a eléctrica do pago de 11,6 millóns de euros e daba por cumpridos os compromisos da compañía co Goberno galego cunhas actuacións executadas anteriormente.

O 27 de setembro de 2016, Greenalia fixérase coa titularidade dos parques eólicos de Campelo e Lamas mediante a absorción da mercantil Kaekias Eólica S.A., asumindo a “subrogación dos dereitos e obrigacións da sociedade Kaekias Eólica S.A. mantendo os compromisos de natureza industrial asociados aos megawatts adxudicados”. 

Precisamente, Kaekias renunciara con anterioridade a executar o plan industrial, monetizando o importe do mesmo en 11.721.971 de euros, tal e como permitía a normativa que regulaba esas adxudicacións eólicas. O 22 de novembro de 2019, Greenalia dá por cumpridos os seus compromisos coa Xunta, eludindo o pago de 11.721.971 de euros e formulando un plan industrial diferente ao aprobado polo Goberno galego no momento da concesión das autorizacións eólicas de Campelo e Lamas. 

Neste caso, as actuacións recollidas pola eléctrica coruñesa foron a compra de diverso instrumental para a recollida de biomasa, un buque para a exportación de madeira e diversos investimentos no Hotel San Andrés da Coruña.

O plan industrial presentado por Greenalia en 2019 é diferente ao aprobado pola Xunta en 2010 para os parques de Campelo e Lamas. As actuacións incluídas neste último recollían unha planta de secado de lamas e outra de fabricación de pellets. 

A maiores, unha parte dos investimentos incluídos na proposta de Greenalia son anteriores á compra dos parques de Campelo e Lamas e outras ao cambio de titularidade aprobado en 2018. 

Porén, a Orde de 29 de marzo de 2010 que regula as concesións das instalacións eólicas de Campelo e Lamas non contempla a modificación dos plans industriais aprobados na concesión. Así, no seu artigo 7 obriga a executar na súa totalidade o plan industrial ou, no caso de obter unha potencia eólica menor á solicitada, monetizar o referido plan. Neste caso, a compañía recibiu 33,8 megawatts menos dos 108,8 solicitados, que coincidían coa “potencia mínima de compromiso”.

O artigo 7.2 da Orde de 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos na Galiza sinala no seu apartado c) que “no suposto de que a potencia seleccionada en favor dun titular, en todos os seus parques, sexa menor á potencia mínima de compromiso incluída na solicitude, o solicitante poderá optar por renunciar á súa solicitude, polo que pasarán a ser seleccionados os parques mellor situados na lista de reserva” ou “monetizar o seu plan industrial (...) ingresando a citada cantidade no fondo de capital-risco (Sodiga) do Igape co fin de financiar proxectos industriais de igual ou análoga natureza”.    

Maximización do impacto socioeconómico

O profesor titular de Dereito Administrativo da USC Fernando de Abel sinala a Nós Diario que “o artigo 7 da orde de convocatoria do concurso eólico de 2010 concibía a figura dos plans industriais como instrumentos para maximizar o impacto socioeconómico da potencia eólica seleccionada”. 

De Abel entende que “non se contemplaba na referida orde a posibilidade de reducir o plan industrial proposto nun momento inicial, nin moito menos a posibilidade de cambiar dito plan a posteriori, nin as actividades propostas, nin mudar a opción de monetización inicialmente escollida pola de execución de actividades nin por suposto que en base a unhas actividades que teñen a ver coas inicialmente propostas se teña por executado”. 

O BNG pide anular a resolución que "exime" Greenalia do pago

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistrou esta segunda feira no Parlamento galego unha iniciativa en que cualifica de “extraordinariamente grave” a resolución da Xunta da Galiza de 21 de xullo de 2021 en relación Greenalia. Neste sentido, o deputado nacionalista Luís Bará critícaa “por contravir o previsto na orde reguladora do concurso de 2010”, “aprobar, con carácter retroactivo, un plan que foi executado entre os anos 2015 e 2019, é dicir, antes da solicitude de modificación do plan industrial” e “renunciar ao ingreso de 11.721.771 euros nas arcas públicas”. 

Bará reclama á Xunta “anular a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais de 2021” e “abrir unha investigación para depurar responsabilidades”.

Comentarios