O PP veta a declaración do ‘Día da Dignidade da Galiza’

O Partido Popular vetou a declaración do 1 de decembro como  ‘Día da Dignidade da Galiza’, unha proposta do BNG apoiada tamén polo PSdeG que busca lembrar o movemento de Nunca Máis, a resposta á marea negra e a maior mobilización social da historia recente do país.

Manifestación da Plataforma Nunca Máis durante o xuízo do 'Prestige'
photo_camera Manifestación da Plataforma Nunca Máis durante o xuízo do 'Prestige' o 16 de outubro do 2012 (Foto: Elisardojm)

O Partido Popular votou en contra da proposta do BNG de recoñecer publicamente a dignidade do pobo galego declarando o 1 de decembro como 'Día da Dignidade da Galiza'.

A deputada do BNG, Rosana Pérez defendeu, a través dunha proposición non de lei, lembrar a manifestación contra a catástrofe do Prestige que tivo lugar o 1 de decembro de 2002, hai 20 anos, en Santiago de Compostela.

A deputada nacionalista reclamou "unha rectificación" do Partido Popular e o recoñecemento da dignidade do pobo galego vinte anos máis tarde. Pérez lembrou que aquel día o pobo galego encheu de paraugas negros a capital galega para denunciar "a discriminación, manipulación e desleixo do Goberno do Estado e a Xunta" ante a maior catástrofe medioambiental nas costas galegas.

O BNG propón que esta data sexa "oficialmente recoñecida como o día da dignidade do pobo galego", buscando que o 1 de decembro forme parte da historia da Galiza e do recoñecemento dun pobo digno que non se rende ante as dificultades.  

Tras destacar os logros daquela mobilización social, como aumentar a seguridade no litoral, a deputada do BNG asegurou que é preciso seguir avanzando nun servizo público de salvamento marítimo. A parlamentaria, ademais, volveu reclamar o tratamento das 10.000 toneladas de residuos que deixou a catástrofe do Prestige.

Ante esta proposta de recoñecemento da dignidade colectiva do pobo galego, o Partido Popular respondeu de maneira negativa, "perdendo a oportunidade de aceptar os erros cometidos e asumir a súa incompetencia durante o accidente do Prestige", dixo Rosana Pérez. En palabras a nacionalista, “o silencio non vai borrar da memoria colectiva a ignominiosa actuación dos dirixentes políticos e a heroica resposta do pobo galego”.

20 anos dun accidente que o PP converteu en catástrofe ambiental

No 20 aniversario do afundimento do Prestige diante da costa galega, o BNG recordou no Parlamento Galego que a Xunta da Galiza pouco avanzou na protección do litoral: a Galiza aínda non ten o control dos 1.500 km da súa costa, carece de competencias en salvamento marítimo e na loita contra a contaminación mariña, e a base de contaminación mariña de Brens segue sen construír.

A negativa sistemática do Partido Popular ante todas estas medidas coincide co veto a recoñecer publicamente a dignidade dun pobo que non se resignou.

Comentarios