A Xunta insiste en que cumpre "escrupulosamente" a Lei de contratos ante as adxudicacións anuladas a Monbus

O TSXG declarou ilegal a concesión de varias liñas de transporte escolar ao grupo Monbus por parte da Consellaría de Educación. A sentenza abre a porta á anulación doutras adxudicacións da Xunta da Galiza á compañía de Raúl López, entre elas as doutros nove lotes.
Un autobús escolar de Monbus, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Un autobús escolar de Monbus, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remarcou esta segunda feira, a preguntas que dos medios, que a Xunta, "como sempre fixo" co Plan de transporte público e en todo o relacionado con este ámbito, cumpre "escrupulosamente" a Lei de contratos "e todo procedemento administrativo que debe cumprir". Vázquez fixo estas declaracións logo de coñecerse a pasada sexta feira unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que anulaba a adxudicación por parte do Goberno galego a dúas futuras unións temporais de empresas (UTE) dos lotes 51 e 45 do contrato de transporte escolar a centros públicos dependentes da Consellaría de Educación, alegando que estaban dominadas polo grupo Monbus, cuxa participación excedía de 90% e de 60%, respectivamente.

En dúas sentenzas con data do pasado 16 de xuño, a sala sostén que, en ambos os casos, as compañías que se agruparon para conseguir a adxudicación dos lotes estaban "dominadas de forma clara polas empresas do grupo Monbus". Así, o TSXG sinalou que esa circunstancia "tiña que ser apreciada" pola mesa de contratación, polo órgano de contratación e, finalmente, polo tribunal, para aplicar, no seu caso, o límite imposto pola lei de contratos do sector público e o prego, que en concreto estabelecía un máximo de adxudicación a unha mesma licitadora de oito lotes.

Con todo, a conselleira incide agora en que "cumpriron escrupulosamente" os procedementos administrativos, a Lei de contratos do sector público e as normativas europeas. Nesta liña, confirmou que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma da Galiza (Tacgal) "vén de confirmar practicamente case 100%" dos procedementos realizados pola Consellaría de Infraestruturas, e que os procedementos contenciosos gañáronos "tamén practicamente todos".

"Por tanto, creo que non hai discusión en relación a que a Xunta da Galiza cumpre escrupulosamente os procedementos administrativos e a Lei de contratos", sentenciou a conselleira responsábel destas contratacións, porfiando en defender a súa xestión.

A sentenza cuestiona o papel do Tacgal

A resolución destas sentenzas non só anula as adxudicacións outorgadas polo órgano de contratación dependente da Consellaría de Educación, senón que ordena á Xunta da Galiza que lle requira á UTE Canbus e á UTE Somosbus, que en ambos os casos obtiveron a segunda mellor puntuación, que presenten a documentación previa á adxudicación do contrato.

Asemade, cuestiona o papel xogado no procedemento polo Tacgal, un órgano administrativo dependente da Consellaría de Facenda, a quen a lexislación obriga a adoptar “as medidas axeitadas para loitar contra a fraude, o favoritismo e a corrupción, e previr, detectar e solucionar de modo efectivo os conflitos de intereses que poidan xurdir nos procedementos de licitación co fin de evitar calquera distorsión da competencia e garantir a transparencia”.

Comentarios