Monbus controla arredor de 80% das concesións de transporte

A empresa resultou adxudicataria de 167 contratos desde 2019.
O empresario Raul López (Foto: Europa Press).
photo_camera O empresario Raul López (Foto: Europa Press).

O grupo Monbus é o gran beneficiado das concesións de transporte por estrada outorgadas pola Xunta da Galiza. O accionista maioritario da compañía é o empresario lugués, Raúl López, mentres Abanca controla 33,9% do seu capital. Asemade, o grupo está formado por ducias de sociedades, con presenza na Galiza e no resto do Estado, situándose á fronte delas o propio López ou persoas do seu círculo familiar.

A compañía controla arredor de 80% das liñas de transporte público por estrada da Galiza.

Así, no concurso de 2019 Monbus foi adxudicataria de 52 lotes de transporte regular por estrada, en 2020 de 88 lotes de transporte regular por estrada, conseguindo en 2021 unha parte importante das liñas de transporte escolar. A este respecto, o vicepresidente de Galibus, unha entidade empresarial que agrupa a pequenas compañías de todo o país, Fernando García sinala a Nós Diario que "Monbus foi adxudicatario de 167 contratos desde 2019".

O concurso de adxudicación do transporte escolar de 2021 respondeu a unha lóxica semellante das liñas regulares. Monbus, mediante a fórmula de unión temporal de empresas (UTE), concorreu a 37 dos 57 lotes ofertados desde a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade da Xunta da Galiza, o que supuxo unha participación en máis de 65% dos lotes que integraban a referida oferta pública, cuxa contía total ascendía á cantidade de 138.816.730,73 euros.

O funcionamento do servizo de transporte público por estrada e as adxudicacións ao grupo Monbus volveron onte ao Parlamento da Galiza da man do deputado nacionalista Paulo Ríos.

Ríos denunciou que “o grande problema é que Monbus e as súas UTE teñen o control de 80% dos contratos de transporte”, acusou ao Goberno galego de “trato de favor" e "encubrimento" dos incumprimentos das concesionaria e sinalou que “Monbus non dispón da flota de vehículos necesaria para levar a cabo os contratos que ten asinados coa Xunta de Galiza".

O voceiro do BNG en materia de Transporte explicou que a operativa de Monbus “sempre é a mesma, rotar os vehículos cando existen  queixas e destinalos a outro lugar a pesar do seu mal estado ou superar a idade permitida".

Nesta liña lembrou que o pasado 30 de agosto do 2022 rematou a prórroga das empresas concesionarias para subsanar as diferencias entre o ofertado e o existente en materia de idade dos vehículos, significando que "estas ofertas continúan a incumprirse sen que a Xunta de Galiza tome as medidas necesarias".

Comentarios