Compostela reinicia a licitación do contrato de transporte para introducir "melloras" e estuda unha "tarifa por excursionista"

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, puxo sobre a mesa esta cuarta feira, en rolda de prensa, varias materias de actualidade do seu Goberno.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O Concello de Santiago terá que reiniciar desde o principio o proceso de licitación do novo contrato de transporte público urbano da cidade, que fora aprobado no mes de abril, un trámite que estiman que atrasará a nova concesión algo máis dun ano e que aproveitarán para introducir algúns cambios, como un autobús nocturno que conecte o centro cos barrios periféricos.

A decisión deriva tanto dos recursos presentados polas empresas contra o concurso como da aprobación o pasado mes de xullo dun novo convenio colectivo para o sector do transporte de viaxeiros, que inclúe incrementos retributivos e, por tanto, supón "unha modificación substancial das condicións económicas do contrato". Así o notificou esta cuarta feira a alcaldesa, Goretti Sanmartín, que compareceu en rolda de prensa para anunciar esta decisión en compañía do concelleiro competente na materia, Xan Duro.

A asesoría xurídica, apuntou Sanmartín, estimou que, con estes cambios non é suficiente facer modificacións puntuais da actual licitación, polo que, "infelizmente", será necesario "un novo procedemento", que atrasará os prazos do novo contrato, estiman, arredor de algo máis dun ano. Será, engadiu a alcaldesa, unha "prioridade máxima" para o Goberno local, que se poñerá a "traballar de maneira intensa desde xa" no novo procedemento. Aínda que en liñas xerais manterase o proxecto, que introducía melloras con respecto ao servizo actual como unha liña propia ata o aeroporto, Sanmartín viu esta situación tamén "unha oportunidade" para "introducir algunhas melloras" nos pregos, como unha liña de bus nocturno, aumento dalgunhas frecuencias ou máis servizo ao rural.

En setembro, engadiu Xan Duro, convocarase a comisión de seguimento do Pacto Local de Mobilidade e desde o concello trasladarase ao tecido social e asociativo cal é a situación do transporte, para escoitar as súas demandas. A intención, apuntou Duro, é que os veciños "se impliquen neste proceso", dado que se trata dun convenio de longa duración e que implica un importante investimento municipal.

Paralelamente, xa que a empresa concesionaria había solicitado a renovación dalgúns autobuses de forma inmediata, a alcaldesa e o edil informaron de que se procederá ao alugueiro de 12 vehículos para garantir a seguridade e a prestación do servizo. Estiman que estarán en marcha na primeira quincena de setembro, coincidindo co arranque do curso.

Tarifa por excursionista e taxa turística

Por outra parte, a alcaldesa de Santiago reiterou esta cuarta feira que está sobre a mesa a posibilidade de instaurar unha tarifa por excursionista para os autobuses que usan a dársena de Xoán XXIII, malia que se trata aínda dunha proposta "en estudo", xa que a "prioridade" agora mesmo é a instauración dunha taxa turística na cidade.

Díxoo a preguntas dos medios nunha rolda de prensa desde a capital galega, onde apuntou que a citada taxa será precisamente o tema central do encontro que manterá co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. "A nosa prioridade é que desde a Xunta asuman que iso é unha prioridade", afirmou, lembrando que xa pasaron ao Goberno galego un informe sobre esta taxa, "que xa foi debatida coa anterior corporación" e ten "consenso e apoio social".

Por iso, a maiores doutras consideracións sobre a achega do turismo á cidade, a rexedora desexou que esta taxa "poida ser unha realidade". "O obxectivo final é que haxa unha taxa turística, porque non é xusto que a poboación de Compostela teña que pagar o sobrecusto que supón a chegada masiva de turistas", apuntou.

En todo caso, e sempre supeditada a esa prioridade, o Goberno local non se fecha a outros gravames, como "modificar as tarifas que xa hai" para os autobuses que traen grupos de excursionistas a Santiago. "Xa se lles cobra unha tarifa", apuntou, sinalando que, aínda que non está avanzada a proposta, a idea sería ampliar o pago por visitante, para que estes "contribúan coa cidade". En 2022 entraron na dársena de Xoán XXIII 9.371 autobuses con excursionistas e no que vai de ano superan xa os 5.200, precisou Goretti Sanmartín.

Tamén a preguntas da prensa, a rexedora referiuse ás ordes de cesamento de actividade remitidas a vivendas de uso turístico de Compostela, apuntando que se trata dun "procedemento absolutamente normal tendo en conta a regulación vixente". "Se non se cumpre coa normativa, é un proceso automático desde os servizos de urbanismo", concretou.

Aparcadoiro do CHUS

Dada a proximidade do inicio das obras do centro de protonterapia no Hospital Clínico, a alcaldesa e o conselleiro de Sanidade teñen pendente manter unha reunión para analizar as cuestións relacionadas co aparcamento. "Cando se poida, haberá esta reunión", dixo Sanmartín, que confiou en que poida ser este mesmo mes de agosto.

Comentarios