28-M

Estes son os concellos galegos que non terán oposición neste mandato

Nestes concellos da Galiza só unha candidatura obtivo representación nas súas respectivas corporacións electorais. 
Unha mesa electoral (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha mesa electoral (Foto: Nós Diario).
  1. Quintela de Leirado
  2. Verea
  3. Beariz
  4. Pedrafita do Cebreiro

Catro municipios da Galiza elixiron este domingo gobernos 'monocolor', de maneira que os rexedores de Verea, Beariz e Quintela de Leirado e o de Pedrafita do Cebreiro gobernarán sen oposición, segundo os datos feitos públicos polo Ministerio do Interior.

Quintela de Leirado

No caso de Quintela de Leirado, repetirá José Antonio Pérez Cortés, do PP (que acapara as 7 actas da Corporación), e que leva gobernando desde 1976, tras lograr 315 votos. Neste municipio da comarca de Celanova, este domingo logrou tamén papeletas, aínda que non representación municipal, o PSOE, con 38 votos.

En 2019, o PP tamén logrou facerse cos 7 edís en Quintela de Leirado, e a lista liderada por Pérez Cortés contou con 385 votos, fronte aos 51 do PSOE.

Verea

En Verea tamén haberá goberno 'monocolor', neste caso do BNG, que obtivo 614 votos e os 7 concelleiros, con Xosé Antonio Pérez Valado como candidato, fronte aos 70 votos do PP e os 18 do PSOE. En 2019, a Corporación elixida foi de 3 representantes do PP (349 votos), 3 do BNG (314 votos) e un do PSOE (98).

Beariz

Outro dos Concellos que contará cunha única cor política é o de Beariz, onde o PP encabezado por Manuel Prado logra os 7 representantes, con 452 votos, fronte aos 57 votos obtidos polo BNG e os 6 do PSOE. En 2019, o PP tamén sacou os 7 edís, pero ese ano fíxoo con 482 votos, mentres que o PSOE logrou 16 papeletas e Alternativa para Beariz-Son en Común conseguiu 35 votos.

Pedrafita do Cebreiro

Outro concello cuxo goberno non terá oposición é o de Pedrafita do Cebreiro, onde o PSOE encabezado por José Luis Raposo logrou as 7 actas, con 525, fronte aos 74 do BNG e aos 73 do PP. En 2019, a Corporación estaba formada por 8 edís do PSOE (581 votos) e un do PP (129 votos).

Nas eleccións municipais de hai 4 anos, ademais de Quintela de Leirado e Beariz, onde o PP era o único partido no Concello, tamén houbo corporacións dunha soa cor política no municipio de Vilarmaior (PP) e no de Vilar de Santos (Xuntos).

Comentarios