A Xunta Electoral desestima o recurso da CRTVG e recoñece o tratamento distinto a Pontón en tres informativos

A Xunta Electoral Central (XEC) desestimou o recurso interposto pola CRTVG contra o acordo da súa homóloga na Galiza, que advertira á canle pública a necesidade de "respectar a neutralidade informativa" no período electoral previo ao comezo da campaña tras unha queixa presentada polo BNG.
Plató da CRTVG (arquivo).
photo_camera Plató da CRTVG (arquivo).

A Xunta Electoral Central (XEC) desestimou o recurso interposto pola CRTVG contra o acordo da súa homóloga na Galiza, que advertira á canle pública a necesidade de "respectar a neutralidade informativa" no período electoral previo ao comezo da campaña tras unha queixa presentada polo BNG.

A formación nacionalista denunciou que a CRTVG excluíu as declaracións da súa candidata á Xunta, Ana Pontón, até en tres informativos, optando por unha narración en off, e a diferenza dos representantes doutras forzas políticas.

"Segundo se desprende da resolución impugnada o tratamento dado á candidata do BNG foi distinto do proporcionado a outras dúas formacións políticas, ao non incluír declaracións da súa candidata, e si facelo nos demais casos. E fíxoo non só un día senón tres, aínda cando o Acordo da Xunta Electoral de Comunidade Autónoma refírese só a un deles", xustifica a XEC no texto da resolución, á que tivo acceso Europa Press.

En concreto, estes informativos emitíronse o 16, 17 e 19 de xuño e neles recóllense as palabras dos candidatos de Galicia en Común, PSdG e Marea Galeguista, mentres que respecto do BNG "unicamente inclúese información sobre o acto pero sen intervención do seu líder".

Sen “xustificación obxectiva e razoábel”

A resolución engade, ademais, que a propia CRTVG non achegou "unha xustificación obxectiva e razoábel para esa diferenza", senón que se limitou a sinalar "que os principios de neutralidade e proporcionalidade deben aplicarse de forma atenuada, matizada ou ponderada no período electoral previo" á campaña e que "a racionalidade que é inherente á interdición da arbitrariedade leva a establecer diferentes criterios para o tratamento informativo en función da distinta natureza do acto público".

Neste sentido, a XEC considera que a CRTVG "non explica os criterios polos que ese formato non era aplicábel ao caso examinado" e aínda que recoñece "certa flexibilidade" no relativo á aplicación do criterio de proporcionalidade nese período previo, "o respecto ao principio de igualdade entre as candidaturas debe ser idéntico" tanto nas datas previas "como durante a campaña electoral".

"Ao non facelo así a Corporación Radio e Televisión de Galiza, a Xunta Electoral da Galiza procedeu adecuadamente a requirir ao medio para que axustase a súa actuación aos principios establecidos no artigo 66 da LOREG, motivo polo que o recurso debe ser desestimado".

Comentarios