18-F

Enésima condena da Xunta Electoral a Alfonso Rueda por vulnerar o "principio de neutralidade política"

O órgano regulador dos procesos electorais estima unha nova denuncia do BNG contra o presidente do Goberno galego e abre un expediente sancionador.
O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, nun mitin este sábado en Santiago. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, nun mitin este sábado en Santiago. (Foto: Agostime / Europa Press)

Após abrir a pasada semana o primeiro expediente sancionador ao Partido Popular polas súas reiteradas vulneracións da lei electoral durante as últimas semanas e logo de numerosos apercibimentos ao propio partido, a Xunta da Galiza e o seu presidente, Alfonso Rueda, a Xunta Electoral galega vén de resolver un novo expediente, asinado con data desta segunda feira, día 12, no que estima unha nova denuncia interposta polo BNG contra Rueda por "por non ter respectado o principio de neutralidade política" que se lle presupón ao seu cargo ante unha cita electoral.

A formación nacionalista alertara o órgano regulador dos procesos electorais das declaracións do presidente galego na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado 1 de febreiro relativas á renovación do complemento das pensións non contributivas, así como a inserción desta noticia na páxina web do Goberno, por entender que que levaban implícitas "connotacións electoralistas".

"Non se limita a dicir que se renova o complemento, que por outra banda leva 16 anos en vigor, e que é exclusivamente do que se trataría, senón que a titula como '37.000 persoas con pensións non contributivas recibirán o complemento extraordinario da Xunta', e a nota de prensa contén valoracións tales como 'Rueda puxo en valor que Galiza é unha das poucas comunidades autónomas que mantivo de maneira ininterrompida durante os últimos 16 anos esta axuda extraordinaria que non é obrigatoria, pois son os propios executivos autonómicos os que deciden mantela'", recolle o escrito do Bloque.

Desde o Partido Popular responderon alegando que Rueda falaba "na súa condición de presidente da Xunta" e que esta denuncia era "allea ao PP". "Non ten discusión que dar conta dos acordos adoptados polo goberno resulta posíbel, convén ao intereses públicos e resulta necesario por cuestións de transparencia, información aos medios de comunicación e á cidadanía", xustificaron.

Porén, a Xunta Electoral da Galiza contestou que "as manifestacións do señor Rueda, na súa condición de presidente da Xunta da Galiza, resultan reprochábeis ao ter efectuado, ademais, outras valoracións que teñen claras connotacións electoralistas na medida en que se refiren aos logros obtidos, mesmo estabelecendo comparacións con outras comunidades autónomas, segundo constan nos antecedentes".

E tamén recorda este órgano que tanto Rueda como o seu Goberno "xa vulneraron o o deber de neutralidade imperante para os poderes públicos durante o período que media desde a convocatoria das eleccións até a celebración das mesmas, noutra rolda de prensa posterior á reunión do Consello da Xunta".

Por todo iso, a Xunta Electoral galega acordou incoar un procedemento sancionador contra o presidente Rueda, que poderá aínda interpor, con todo, un recurso de alzada ante a Xunta Electoral Central.

Comentarios